Besteiro defende un cambio nas políticas de financiamento

O socialista reclamou á Xunta que abandone o bloqueo e negocie un modelo que pode mellorar para Galicia
Besteiro_Relatores-financiamento
26 Jun 2026

"A Xunta de Galicia leva meses rexeitando sentarse a negociar o novo modelo de financiamento autonómico sen ofrecer ningunha alternativa". Para José Ramón Gómez Besteiro, esa postura non é só insostible. É inexplicable e non ten xustificación posible.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE pechou esta mañá no Parlamento de Galicia a xornada Autogoberno intelixente e financiamento galego, organizada polo Grupo Parlamentario Socialista con motivo do 45 aniversario do Estatuto de Autonomía. Na súa intervención puxo o foco sobre o que o PP leva evitando explicar: se non negocia, ou é que non ten modelo propio, ou é que ten un que non pode defender publicamente sen custo electoral.

Besteiro lembrou que hai trece meses o propio PP reclamaba 500 millóns adicionais para Galicia. Daquela tiña interese en que o proxecto de financiamento avanzase, porque o debate público era outro: a condonación da débeda. O PP presentábaa como un privilexio exclusivo para Cataluña, un agravio ao resto de España. Pero cando esa condonación se estendeu a todas as comunidades autónomas, o relato desfíxose só. Galicia pasou a ter recoñecida unha condonación de 4.010 millóns, moi por riba do que estimaba calquera analista, incluídos os cálculos do propio PP, que nunca chegaran aos 2.500 millóns.

O que vendían como un regalo para Cataluña resultou ser, aplicado con equidade, “o maior recoñecemento financeiro á Galicia dos últimos decenios”. E agora, cando o modelo pon enriba da mesa 585 millóns para Galicia a través do Fondo de Compensación Interterritorial, tampouco lles vale. “Pedían 500 millóns adicionais. Ofréreselles máis. E seguen sen sentarse. Agora di que non está de acordo co modelo, pero tampouco se senta a negociar", subliñou Besteiro. "Unha contradición difícil de vender", dixo.

A xornada contou con dúas mesas de debate. Na primeira, Francisco Caamaño Domínguez, catedrático de Dereito Constitucional e exministro de Xustiza, e Nieves Lagares, profesora de Ciencias Políticas da USC, analizaron os retos dunha eventual reforma estatutaria. Na segunda, Xoaquín Fernández Leiceaga e Begoña Villaverde Gómez, profesores da USC, abordaron o financiamento galego como cuestión de país.

Das intervencións, Besteiro destacou dous eixos. Por un lado, a necesidade de renovar o compromiso social co Estatuto, actualizándoo a realidades que en 1981 non existían: a vivienda, o medioambiente, os dereitos da xeración actual. Por outro, a cuestión da corresponsabilidade fiscal, que Villaverde Gómez diseccionou con precisión: un modelo con déficits, pero mellorable nun proceso de negociación real. O problema, sinalou Besteiro, é que esa negociación non se está producindo.

"A Xunta de Galicia leva preto do 50% do gasto público galego, pero a cidadanía non a identifica como quen cobra os impostos", dixo o secretario xeral do PSdeG. "Os impostos páganse a Pedro Sánchez e ao alcalde de turno. A Xunta, na percepción da xente, non existe". Esa desconexión, segundo o líder socialista, é consecuencia directa da ausencia dunha corresponsabilidade fiscal transparente e real.

A aritmética parlamentaria para aprobar o novo sistema é complicada, pero iso non exime a ninguén da obriga de negociar: “O que non podemos aceptar é que cando se abre un período de negociación, quen ten responsabilidades de goberno en Galicia simplemente non apareza", afirmou.

Besteiro defendeu que o PSdeG ten responsabilidade de elevar estes debates á sociedade, incluída a financiamento local. E pechou cun chamamento á lealdade institucional, un valor que, segundo dixo, para os socialistas é algo "absolutamente normal", porque o federalismo leva implícita a corresponsabilidade entre administracións. "Temos un papel moi importante que xogar aquí en Galicia, pero tamén fóra. Estamos ante un momento histórico".

0.46818614006042