Besteiro defende un pacto verde para devolver a Galicia o liderado da transición enerxética

José Ramón Gómez Besteiro reuniuse en Bruxelas coa vicepresidenta Teresa Ribera para analizar a transición enerxética, a industria verde e a protección do territorio
Besteiro
14 Nov 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo en Bruxelas unha xuntanza de traballo coa vicepresidenta Teresa Ribera, centrada na transición enerxética, a industria verde e a protección do territorio. Tras o encontro, destacou que o Pacto Verde Europeo representa unha oportunidade decisiva para “resituar a Galicia na primeira liña da transición enerxética” e para impulsar unha industria máis competitiva, innovadora e sustentable.

Besteiro subliñou que existen fondos e instrumentos europeos capaces de dar un salto cualitativo, pero lamentou a “falta de estratexia e visión” da Xunta gobernada polo PP. “Galicia podería estar liderando sectores e cadeas de valor ligados ás enerxías limpas, pero para iso fan falta proxectos e vontade política, e o PP non está dando ese paso”, afirmou.

Alertas sobre incendios e política ambiental

O líder socialista trasladou tamén a súa preocupación polos incendios deste verán, un fenómeno que Teresa Ribera coñece “con total precisión”. Besteiro atribuíu a gravidade da situación á ausencia de planificación e investimento en prevención e xestión forestal, e advertiu de que “a parálise da Xunta só empeora o panorama”.

Reclamou ademais aproveitar o potencial ambiental e económico da Rede Natura, lembrando que Galicia segue baixo un expediente europeo pola insuficiente protección destes espazos.

Críticas á posición do PP en Europa

Besteiro afeou ao Partido Popular que, na recente votación no Parlamento Europeo, se aliñase coa ultradereita nunha postura “absolutamente negacionista” fronte á Emerxencia Climática, situándose fóra do consenso europeo e científico.

A xuntanza abordou tamén o potencial da eólica terrestre e mariña, así como dos novos combustibles limpos. O secretario xeral insistiu en que Galicia podería ser “punta de lanza” nestes sectores se existise vontade da Xunta para acompañar o investimento privado con fondos europeos.

En relación co proxecto de Altri, lembróu que tanto o Goberno de España como a Comisión Europea rexeitaron o seu apoio a través de varias vías de financiamento. “Por cuarta vez non obtén respaldo, corroborando que non supera a avaliación ambiental, social e económica”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.37305188179016