Besteiro defende un PSdeG “centrado no que importa” fronte a quen “só mira para Madrid” e aos que levantan bandeiras soberanistas

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou á nova dirección provincial socialista de Pontevedra a seguir apostando por un partido “centrado no que importa”, durante a clausura do Congreso celebrado este sábado na capital provincial.
Besteiro defendeu un proxecto “co aval da xente, que se sente protexida con nós porque sabe que traballamos pola maioría social”, fronte a quen “só mira para ver que lle ordenan desde Madrid” ou “levanta bandeiras soberanistas con discursos desfasados que non levan a ningures”.
Tras felicitar a David Regades, reelixido secretario xeral provincial, e á nova Executiva, o líder socialista destacou a importancia da democracia interna do PSdeG, que “dálle forza e lexitimidade ao noso proxecto”.
Sinalou que o Partido Socialista “ocúpase dos problemas reais das familias galegas: vivenda, emprego, igualdade, servizos públicos e a defensa do galego sen complexos”. E fixou como obxectivo político recuperar a Deputación de Pontevedra, cun partido “municipalista, conectado coa cidadanía e que resolve”.
Criticou tamén a dependencia política de Alfonso Rueda con respecto a Madrid, acusándoo de ser “refén de Feijóo”, quen visitou Galicia esta semana “para dar leccións de emerxencias mentres mantén a farsa dos do Ventorro en Madrid”.
“Este Goberno responde con feitos e recupera a confianza da cidadanía no Estado”, afirmou Besteiro, quen puxo como exemplo as medidas impulsadas polos socialistas como a suba das pensións e salarios, os bonos de tren gratuítos ou a aposta pola vivenda.
Concluíu asegurando que o PSdeG “é a esquerda que transforma, a que resolve, a que pensa na maioría social e non deixa a ninguén atrás”.