Besteiro defende unha política industrial que combine innovación, sustentabilidade e territorio

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este xoves en Arousa “unha política industrial que combine innovación, sustentabilidade e territorio”, fronte ao “modelo Rueda”, que promove a instalación dunha macrocelulosa de Altri no corazón da Galicia verde.
Durante a súa visita á empresa Embalaxe, situada no Polígono Empresarial do Pousadoiro, en Vilagarcía de Arousa, Besteiro salientou que o modelo socialista “é o que dá emprego e futuro na nosa terra”, mentres que a aposta do PP “non achega valor engadido e xera máis dúbidas que certezas”. Poñendo como exemplo a factoría visitada, destacou que se trata dunha compañía que transforma o recurso forestal galego en produto con valor engadido, demostrando que “cando a industria se moderniza, automatízase e medra, xera empregos estables no territorio”.
Besteiro reclamoulle á Xunta que modifique os Orzamentos para 2026, desbloqueando a creación de chan industrial e permitindo a implantación de industrias transformadoras, competitivas e con capacidade de xerar emprego de calidade e desenvolvemento local.
A empresa Embalaxe comercializa embalaxe industrial a medida e certificado para exportación, e tamén recupera e reutiliza palés e madeira usada, nun exemplo de “economía circular real, aplicada de verdade aquí”. O líder socialista estivo acompañado polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e varios membros do goberno local.
Ampliación do polígono
Besteiro tamén manifestou o apoio dos socialistas á demanda dos empresarios e empresarias do Polígono do Pousadoiro, que reclaman a ampliación urxente de solo industrial. Denunciou que a falla de execución da Xunta está a impedir tanto o crecemento das empresas xa instaladas como a chegada de novos proxectos industriais.
Sinalou que o polígono dispón de espazo para desenvolver unha nova fase que permitiría, por exemplo, ampliar a empresa visitada noutros 5.000 metros cadrados. Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela criticou que, tras quince anos de espera, os Orzamentos da Xunta só consignen 80.000 euros para a ampliación, “unha cifra que non chega nin para redactar o proxecto”.
O rexedor advertiu que o bloqueo do PP está a impedir non só a chegada de novas empresas, senón tamén o crecemento das existentes, facendo que Vilagarcía perda oportunidades de negocio e emprego.