Besteiro denuncia en Conxo o “desmantelamento continuo” da sanidade: “O PP practica unha política de improvisación permanente”

Besteiro denuncia en Conxo a improvisación permanente da Xunta na sanidade e alerta dunha perda inadmisible de calidade nos servizos, con pediatría colapsada e saúde mental sen resposta. O PSdeG chama á mobilización este domingo en defensa da sanidade pública.
Besteiro PSG
2 Apr 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, alertou esta mañá en Conxo de que Galicia sofre un “desmantelamento continuo da sanidade pública” por parte do PP. Desde o centro de saúde do barrio compostelán, denunciou a falta de planificación, investimento e vontade política para reforzar o sistema sanitario, sobre todo na atención primaria.

Criticou a perda de profesionais e a falta de formación de novos médicos, a grave situación da pediatría —co 15% das prazas vacantes— e os longos tempos de espera en saúde mental, onde acceder a un psiquiatra pode levar máis de seis meses. Tamén sinalou que 220.000 persoas agardan por unha proba dun especialista e 50.000 por unha operación.

Besteiro censurou o abandono do centro de saúde de Conxo, cun centro provisional que, como moitos outros, “parece ser provisional para sempre”. Anunciou que o PSdeG levará este asunto ao próximo Pleno do Parlamento e chamou á cidadanía a mobilizarse na manifestación en defensa da sanidade pública deste domingo en Compostela.

0.11545395851135