Besteiro denuncia o abandono dos centros públicos de ensino por parte da Xunta

O secretario xeral do PSdeG e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou o “abandono absoluto” dos centros públicos de ensino por parte da Xunta tras coñecerse que o Goberno de Rueda non autorizou a súa entrada no IES Francisco Aguiar, de Betanzos, onde tamén se vetou a visita da alcaldesa, María Barral, tres deputados e deputadas e tres concelleiros.
A comitiva tiña previsto supervisar o estado das instalacións, sobre as que existen reiteradas denuncias da comunidade educativa. O permiso solicitado polo Concello non foi aprobado pola Consellería de Educación, o que levou a Besteiro a cuestionar: “Que tratan de agochar?”
O líder socialista explicou que o centro presenta pingueiras, presenza de amianto, estruturas deterioradas e incluso filtracións de auga sobre instalacións eléctricas, unha situación que cualificou de “grave e inadmisíbel”. Reclamou unha reforma integral do Aguiar, un centro con máis de 75 anos de historia e referente na comarca, e pediu que esta planificación se estenda tamén ao IES As Mariñas e ao colexio Francisco Vales Villamarín.
Besteiro enmarcou esta situación na “falta de aposta polo público do PP”, acusando a Rueda de abandonar as instalacións educativas en lugar de renovalas e modernizalas. “Rueda e o Partido Popular son inimigos do público, e neste caso da educación pública”, sinalou, asegurando que os socialistas seguirán reclamando no Parlamento os investimentos necesarios para reformas integrais.
Besteiro acusou ao Goberno galego de “apostar polo ensino privado”, mentres deixa sen atender os problemas dos centros públicos agás en períodos electorais. Comprometeuse a manter a presión parlamentaria para defender unha educación pública “digna, moderna e segura”.
Durante a súa visita á cidade, Besteiro tamén coñeceu o traballo da Fundación Hospitalarias Betanzos, dedicada á atención integral de persoas con discapacidade intelectual. Xunto á alcaldesa e representantes socialistas, achegouse ás instalacións cedidas polo Concello para un proxecto de integración comunitaria, onde compartiu momentos coas usuarias e usuarios da entidade.
Chamamento á mobilización polo 25N
Na véspera do 25 de novembro, o secretario xeral do PSdeG chamou á cidadanía a saír ás rúas para expresar “alto e claro” o rexeitamento á violencia machista. Advertiu do “negacionismo inadmisible” que pon en risco os dereitos conseguidos pola loita feminista e animou a participar nas mobilizacións.