Besteiro denuncia que a flexibilización de Rueda converte a moratoria do eucalipto nun plan encuberto para a súa liberalización

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, critica que o Goberno galego empregue a Lei de Acompañamento para baleirar de contido a moratoria do eucalipto de 2021 e reclama retirar a flexibilización, publicar a avaliación oficial e planificar o monte galego con base científica.
Besteiro
4 Nov 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está utilizando a Lei de Acompañamento para introducir “portas de atrás” que baleiran de contido a moratoria do eucalipto aprobada en 2021, converténdoa “nun plan encuberto para a súa liberalización”.

Besteiro explicou que a chamada flexibilización “permite quitar eucalipto nun lugar para plantalo noutro”, o que fai que a moratoria deixe de ter sentido. Lembrou que esta medida naceu “para parar, avaliar e reconducir” o modelo forestal galego e que a día de hoxe non existe avaliación oficial publicada sobre os seus efectos.

Engadiu que técnicos da propia Administración advertiron de inseguridade xurídica, complexidade técnica e risco real de expansión da especie se prospera a flexibilización. Por iso, reclamou retirar esta medida e planificar o futuro do monte galego con base científica, lembrando que “un monte rendible e ordenado non arde”.

O líder socialista advertiu tamén que a ampliación da flexibilización “dá que pensar”, xa que encaixa co único plan industrial coñecido que defende o PP: o proxecto de Altri. Subliñou que, se a Xunta pretende encaixar Altri na ampliación 2025–2030 da capacidade eléctrica, debe aclarar a que proxectos maduros renuncia para priorizar un que non o é.

A alternativa do PSdeG

Besteiro presentou a proposta socialista en catro pasos fundamentais:

Moratoria real, prorrogada cinco anos, para planificar con datos reais.

Publicación inmediata da avaliación 2021–2025.

Investigación de especies autóctonas alternativas e reforzo da biodiversidade.

Plan de choque contra a banda marrón e mellora xenética das coníferas.

Crítica política e contexto

Na súa intervención, Besteiro tamén se referiu á “dimisión en diferido” de Carlos Mazón, a quen cualificou de “caradura e sinvergonza” por non ofrecer explicacións sobre a súa xestión da DANA. Recordou que contou “co aval político e o aplauso” de Rueda e Feijóo e sinalou que o propio Mazón admitiu que non solicitou a Declaración de Emerxencia Nacional “por consello de Feijóo”.

Finalmente, Besteiro situou o debate forestal no marco dunha política de 16 anos sen investimento suficiente nin estable en prevención, extinción e ordenación, asegurando que “os fondos europeos non se aproveitaron para modernizar Galicia, senón para tapar o día a día” e que a Xunta carece dun plan industrial máis alá de Altri.

⚙ Configurar cookies
0.28474497795105