Besteiro denuncia que a sanidade pública galega “é un caos e ten responsables políticos”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este domingo en Santiago de Compostela o “deterioro estrutural” da sanidade pública galega e sinalou directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao Partido Popular como responsables dunha situación que cualificou de “caótica”.
Besteiro fixo estas declaracións ao inicio da manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública en defensa dunha sanidade pública e de calidade, na que encabezou unha multitudinaria delegación de socialistas galegos e galegas.
Segundo explicou, Galicia vive unha situación “insostible” avalada por datos oficiais, con máis de 360.000 persoas agardando por unha cita médica, arredor de 50.000 en listas de espera cirúrxica e máis de 12.000 nenos e nenas que deben desprazarse quilómetros para recibir atención pediátrica. “Isto non é un problema puntual nin unha anécdota. É un colapso xeralizado que afecta á atención primaria, ás urxencias hospitalarias e á vida cotiá de miles de familias”, advertiu.
O líder socialista subliñou que a mobilización non responde a unha confrontación partidaria, senón á defensa dun dereito básico. “Falamos do dereito máis apreciado polos galegos e polas galegas. Defender a sanidade pública non é unha opción ideolóxica, é unha obriga democrática”, afirmou.
Besteiro alertou tamén do risco de que Galicia siga o modelo sanitario da Comunidade de Madrid, baseado na privatización e na perda de peso do sistema público. “Non podemos converternos na comunidade de Isabel Díaz Ayuso. Esa é a política que o PP quere importar: menos sanidade pública e máis negocio privado”, sinalou.
Finalmente, reivindicou a mobilización como unha resposta cidadá fronte a decisións políticas concretas. “Cando hai centos de miles de persoas esperando por atención médica e concellos enteiros sen atención primaria efectiva, estamos ante un problema estrutural provocado por decisións políticas. Por iso estamos hoxe nas rúas de Santiago: para defender a sanidade pública e un dereito que temos a obriga de protexer todos os días do ano”, concluíu.