Besteiro denuncia que o PP bloquea os apoios fronte aos aranceis e frea as renovables “mentres Rueda cala e Galicia perde”

O secretario xeral do PSdeG denuncia a obstrución do PP a medidas clave como o fondo industrial europeo fronte aos aranceis de Trump e critica o silencio de Rueda ante unha estratexia que prexudica os intereses galegos.
Besteiro Psoe
6 May 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este luns de que o Partido Popular está a bloquear medidas que beneficiarían directamente a Galicia, como o decreto europeo de axudas fronte aos aranceis comerciais dos Estados Unidos, que inclúe un fondo de 14.000 millóns de euros. “Dicir non a ese fondo é dicir non ao emprego e á mellora do tecido produtivo galego”, sinalou.

Durante a reunión interparlamentaria celebrada en Santiago con deputados, senadores, representantes no Parlamento galego e o eurodeputado Nicolás González Casares, Besteiro criticou o “silencio cómplice” de Alfonso Rueda ante a estratexia do PP estatal. “O PP de Galicia está sometido aos ditames de Madrid, e iso prexudica os intereses da nosa terra”, apuntou.

Na súa intervención, Besteiro tamén denunciou que o Partido Popular actúa de forma sistemática contra as políticas que benefician á maioría social, como xa fixo no seu día coa suba do salario mínimo, as pensións ou os bonos de transporte. “Agora repite co fondo industrial europeo, mentres Rueda cala”, indicou.

En relación coa política enerxética, o líder socialista censurou que o PP empregue a defensa da enerxía nuclear como escusa para frear as renovables, a pesar de que Galicia é “un verdadeiro foco de produción de enerxía limpa”. “É unha posición irresponsable que nos resta competitividade e futuro”, asegurou.

Besteiro lamentou tamén a incoherencia do presidente da Xunta durante a crise do recente apagón eléctrico. “Nun primeiro momento gabou a coordinación entre administracións, e logo cambiou de postura. Non se pode dicir unha cousa e a contraria segundo sopre o vento político”, afirmou.

Finalmente, o secretario xeral do PSdeG pediu unha reflexión profunda ante o avance da ultradereita en Europa e advertiu que mentres en países como Alemaña se establece un cordón sanitario, en España “páctase con ela con total naturalidade”. “Debemos decidir que tipo de Europa queremos: unha Europa unida, forte e comprometida co estado do benestar”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.11240601539612