Besteiro denuncia que Rueda responde á crise de saúde mental con pastillas e videoconsultas mentres deixa sen executar 50 millóns de euros

Besteiro acusa a Rueda de inacción ante a crise de saúde mental en Galicia, denunciando que a Xunta leva dous anos sen executar máis de 50 millóns de euros nesta área, cun sistema saturado, profesionais insuficientes e tempos de espera que superan os cinco meses.
Besteiro
16 May 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu esta mañá en Lugo da grave situación que atravesa Galicia en materia de saúde mental. Fíxoo diante do Centro Integral de Saúde da cidade, onde denunciou que a Xunta leva dous anos sen executar máis de 50 millóns de euros destinados a esta área, especialmente no ámbito da atención primaria.

“A solución non pode ser a que propón Rueda: máis pastillas e videoconsultas, sobre todo cando se deixan de investir máis de 50 millóns de euros nos últimos dous anos”, advertiu Besteiro, sinalando que esta falta de acción “é especialmente sangrante na provincia de Lugo”.

Segundo o último informe do Consello de Contas, as galegas e galegos agardan de media máis de cinco meses para acceder a unha primeira consulta de saúde mental. En Lugo, a situación é aínda máis crítica: un incremento do 175 % no tempo de espera e un 150 % no número de pacientes pendentes.

Besteiro lamentou que Galicia teña unha das taxas máis baixas de psicólogos e psiquiatras do Estado, e lembrou que Lugo é unha das provincias con maior número de suicidios: 16 por cada 100.000 habitantes. Tamén denunciou a desigualdade territorial na atención, cunha comparativa contundente: “fronte ás 20 unidades na provincia da Coruña, aquí só temos 3”.

O líder socialista tamén criticou que o Goberno galego só reaccione con anuncios que xa foron feitos antes, como os 14 millóns prometidos para a Ronda Leste, “sete o ano pasado e sete este”, pero que seguen sen executarse. O mesmo ocorre cos 500.000 euros para o cuartel de San Fernando, fronte aos 17 millóns destinados ao Pazo de Lourizán, en Pontevedra.

“É a mesma historia do Partido Popular de sempre: promesas que non se cumpren e falta de respostas. Diante dunha crise real de saúde mental, consideran que a solución son videoconsultas e pastillas”, concluíu.

Na comparecencia, Besteiro estivo acompañado polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández; o presidente da Deputación, José Tomé; outros alcaldes da provincia e cargos do PSdeG como Lara Méndez e Julio Torrado.

⚙ Configurar cookies
0.10838985443115