Besteiro destaca a coordinación institucional e o traballo dos servizos públicos ante o apagamento, e salienta a exemplaridade da cidadanía

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, agradeceu o labor dos servizos públicos e puxo en valor a cooperación entre administracións e a resposta solidaria da cidadanía galega ante o apagamento xeral.
Besteiro vs Rueda
29 Apr 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou este martes unha mensaxe de recoñecemento á sociedade galega e aos servizos públicos polo seu comportamento durante o apagamento xeral que afectou a Galicia e ao resto do Estado.

Besteiro destacou que o apagamento "foi un dos episodios máis difíciles dos últimos anos" e puxo en valor "a serenidade, prudencia e solidariedade da cidadanía galega" fronte a unha situación inesperada que alterou a vida diaria de milleiros de persoas.

O líder socialista subliñou a importancia da coordinación institucional, destacando a activación do nivel 3 de emerxencia pola Xunta e a posterior entrada en acción do Goberno de España para asumir o control da situación en Galicia. "A cooperación e a responsabilidade son as claves para facer fronte ao inesperado", afirmou, recordando que o PSdeG ofreceu colaboración total desde o primeiro momento en contacto permanente coa Xunta, a Delegación do Goberno e os concellos.

Gómez Besteiro agradeceu profundamente o traballo do sistema sanitario, dos medios de comunicación, do profesorado, das forzas de seguridade e dos equipos de emerxencia, así como "de cada persoa anónima que tivo un xesto de axuda e apoio".

O dirixente socialista concluíu asegurando que "agora toca facilitar a recuperación completa da normalidade e garantir unha avaliación rigorosa do sucedido", insistindo en que será "con calma e serenidade" cando se analicen os feitos e se extraian as leccións necesarias.

⚙ Configurar cookies
0.10641980171204