Besteiro esixe a destitución de Diego Calvo e reclama a Rueda que defenda a Vigo tras a “chanchullada” do Mundial 2030

O PSdeG acusa á Xunta e á Federación Española de Fútbol de actuar con opacidade e de deixar fóra a cidade por intereses políticos
Besteiro
26 Mar 2025

O secretario xeral do PSdeG e voceiro parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este martes a destitución inmediata do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, tras afirmar que Vigo quedou fóra do Mundial 2030 por “carencias da proposta” e pola “ausencia de influencia do Goberno local”. Unhas declaracións que, segundo Besteiro, “evidencian a politización absoluta do proceso” e supoñen unha falta de respecto institucional “inaceptable”.

O líder socialista anunciou o rexistro dunha proposición non de lei no Parlamento galego para esixir a publicación de todos os criterios e puntuacións das candidaturas. Tamén reclama explicacións ao presidente da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, a quen acusa de actuar “de costas a Vigo” e sen transparencia.

O PSdeG lembra que, segundo informacións publicadas por El Mundo, o estadio de Balaídos ocupaba inicialmente o posto 11 na avaliación técnica, suficiente para ser sede, pero foi rebaixado sen explicacións. Besteiro insiste en que “o que se fixo con Vigo é unha chanchullada política e un castigo do PP á cidade”.

Bonificación na AP-53

Besteiro tamén valorou positivamente a aprobación, este martes no Consello de Ministros, da bonificación do 75% para usuarios recorrentes da AP-53 entre Santiago e Ourense. “É unha medida de xustiza que pon fin a anos de desigualdade e que responde a unha reivindicación histórica do PSdeG”, salientou.

⚙ Configurar cookies
0.1345739364624