Besteiro esixe a Rueda que defenda Galicia e actúe con ambición ante a Conferencia de Presidentes

O líder do PSdeG reclama a condonación da débeda, medidas urxentes para vivenda e sanidade, apoio ao galego na UE e unha aposta clara pola industria galega. Tamén amosou a solidariedade coas vítimas da violencia machista tras o presunto asasinato de Campo Lameiro.
Besteiro Junio
3 Jun 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou hoxe ao presidente da Xunta a poñer os intereses de Galicia por riba das directrices do seu partido e a acudir á Conferencia de Presidentes con propostas firmes e ambición política.

Besteiro sinalou que Galicia leva 16 anos agardando respostas e advertiu que “se hai recursos enriba da mesa non pode levantarse e marchar”. Exixiulle a Rueda que defenda a condonación da débeda, o que permitiría liberar uns 600 millóns de euros para reforzar servizos públicos esenciais como a sanidade e a atención primaria.

Tamén reclamou un plan urxente en materia de vivenda, lembrando que hai máis de 21.700 persoas inscritas no rexistro de demandantes e que os prezos do alugueiro subiron un 27% nos últimos 3 anos, fronte ao 8% do salario. Pediu actuar sobre o parque de vivendas baleiras e impulsar a rehabilitación, tanto en zonas urbanas como rurais.

En relación co galego, Besteiro pediu que o presidente da Xunta deixe claro o seu apoio á oficialidade da lingua galega na UE e que “non volva enganar á cidadanía”. Asegurou que o PP vota unha cousa en Galicia e fai a contraria en Europa.

Finalmente, instouno a presentar un plan industrial actualizado e a exercer un verdadeiro liderado no desenvolvemento da industria galega.

Besteiro abriu a súa intervención expresando a solidariedade do PSdeG coa familia da vítima do presunto asasinato machista de Campo Lameiro. “Mentres unha soa muller siga sendo asasinada polo feito de selo, estamos obrigados a actuar sen tregua nin escusas”, declarou, e apelou á unidade política e ao compromiso colectivo para rematar coa violencia machista.

⚙ Configurar cookies
0.24263000488281