Besteiro esixe á Xunta que aumente o financiamento do Sistema Universitario Galego

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe ao goberno galego que garanta un “aumento real dos recursos” no novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia -SUG-. Así o dixo logo dun encontro de traballo coa nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, no que subliñou que “non pode haber un recoñecemento da excelencia desta Universidade con recursos insuficientes”.
O responsable socialista trasladou o compromiso do PSdeG de estar “do lado da Universidade pública” para que a renovación do Plan de Financiamento Universitario supoña un incremento dos recursos que permitan manter a calidade docente e investigadora da USC. Esixiulle ao goberno galego que traslade o incremento das aportacións do Estado a Galicia -un 40 por cento nos últimos anos- ao Sistema Universitario de Galicia.
Explicou que os recursos resultan imprescindibles para que unha Universidade como a de Santiago poida fomentar e atraer talento ao tempo que se fai cargo do “enorme patrimonio” cultural que posúe unha institución con máis de 500 anos de historia, e afrontar todo o funcionamento estrutural que supón. Así, reclamoulle ao goberno galego que negocie co Estado “unha máis e mellor financiación autonómica para o noso país” que derive tamén no fortalecemento da Universidade pública.
Besteiro trasladou ademais o compromiso dos socialistas galegos coa ampliación da rede de residencias universitarias públicas nos campus de Santiago e Lugo para darlle resposta ao principal problema dos galegos e galegas, que é a escalada de prezos da vivenda, tamén durante a etapa de estudos universitarios.
O responsable socialista lembrou ademais a proposta do PSdeG para que o goberno galego que asuma o financiamento da gratuidade da primeira matrícula tamén nos estudos de mestrado, completando a primeira matrícula dos estudos de grao para garantir o financiamento do ciclo completo dos estudos superiores no SUG. No encontro, o secretario xeral do PSdeG pediu tamén que non se poña en cuestión a titulación de Enfermaría de Lugo e que non perda a súa autonomía.
O secretario xeral do PSdeG criticou a “traizón evidente” por parte de Feijóo e de Rueda aos galegos emigrantes polas súas críticas á Lei de Nietos e súa contradición ao negar agora o voto dos descendentes de emigrados que antes apoiaban. Besteiro retrucoulle ao conselleiro de Presidencia, que nunha entrevista emitida onte deu unha nova “volta de torca” para xustificar a “carreira á que se ven arroxados” pola ultradereita, cando están a demostrar que “o PP e Vox son o mesmo”.
O líder dos socialistas negouse a aceptar a “distinción entre galegos de primeira e de segunda” logo dunha “semana absolutamente tráxica” para os descendentes de emigrantes por un PP que demostra “pouca memoria democrática”, como demostra ao criticar agora unha disposición legal aprobada hai catro anos.
Puntualizou que “negarlles esa posibilidade de voto -aos descendentes de emigrantes- é unha traizón inimaxinable mesmo para os fundadores do PP”, e cualificou de “triste” que “nin Alfonso Rueda nin Núñez Feijóo fagan cumprimento do mandato que asumiron cando foron elixidos presidentes da Xunta de defender aos galegos e galegas alí onde estean”.