Besteiro esíxelle a Rueda que explique que financiamento quere para Galicia e o negocie: “Se non, será unha mostra da súa covardía política”

O secretario xeral do PSdeG reclama ao presidente da Xunta que defina e negocie un modelo de financiamento autonómico para Galicia e advirte de que rexeitar o diálogo suporía antepoñer os intereses partidarios aos do país.
Besteiro-PSdeG
29 Jan 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que explique cal é o modelo de financiamento que quere para Galicia e que se sente a negocia-lo, tal e como están a facer outras comunidades autónomas. De non facelo, advertiu, sería “unha mostra da súa covardía política” que terá consecuencias negativas para os intereses de Galicia.

Durante a súa intervención na sesión de control no Parlamento, Besteiro reprochoulle a Rueda que, hai apenas uns meses, anunciase que Galicia reclamaría 500 millóns de euros máis de financiamento, mentres que agora se nega a negociar sobre a base dunha proposta do Goberno central que eleva esa cifra ata arredor dos 578 millóns de euros. “Que pasou con esa esixencia?”, preguntou o líder socialista.

Como exemplo das consecuencias dun financiamento insuficiente, Besteiro puxo o foco na sanidade pública galega, con 360.000 persoas agardando por unha cita médica, preto de 50.000 en lista de espera cirúrxica e máis de 12.000 nenos e nenas obrigados a desprazarse quilómetros para recibir atención pediátrica. A isto engadiu que Galicia está á cola do Estado no gasto en atención primaria, só por diante da Comunidade de Madrid, “un referente da sanidade pública”, ironizou.

O portavoz socialista sinalou que estes problemas non afectan só á sanidade, senón tamén a ámbitos como a vivenda, a dependencia, os servizos sociais ou o ensino, e subliñou que a proposta dun novo modelo de financiamento autonómico supón unha “oportunidade histórica” para dotar Galicia dos recursos necesarios para mellorar os servizos públicos.

Besteiro asegurou que a proposta do Goberno está “ben ancorada”, pero defendeu que pode e debe mellorarse para Galicia, fixando como obxectivo un incremento de ata 900 millóns de euros. “Sente a negociar, mellore ese financiamento e mellorará a vida de todos os galegos e galegas”, reclamoulle a Rueda.

“O líder do PSdeG advertiu de que a negativa do presidente da Xunta a explicar o seu modelo só pode responder a dúas opcións: “ou non ten modelo, ou teno e non o quere amosar”, algo que cualificou de “extraordinariamente grave”. Ao seu xuízo, esta actitude evidencia unha falta de liderado e un seguidismo das directrices do líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Por iso, Besteiro instou a Rueda a actuar “como presidente” e non como delegado do seu partido: “Que veña a esta Cámara, explique o seu modelo con cifras, discútao, busque consenso coas outras comunidades e abandone esa posición politicamente covarde”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.24289894104004