Besteiro impulsa unha lei para blindar a vivenda pública

O PSdeG rexistrará unha proposición de lei para garantir que as vivendas financiadas con cartos públicos se manteñan no parque público e evitar así a especulación.
Besteiro
26 Jun 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este martes que o seu grupo rexistrará de forma inmediata no Parlamento de Galicia unha Proposición de Lei para garantir que a vivenda pública sexa sempre pública. “Se hai cartos públicos, ten que haber garantías. E porque a vivenda non é un negocio: é un dereito”, advertiu.

A iniciativa chega nun momento de máxima urxencia social. “Cada vez máis mozos e mozas non poden emanciparse. Cada vez máis familias teñen que escoller entre pagar o alugueiro ou chegar a fin de mes. Cada vez máis traballadores empobrecen polo custo da vivenda. Porque o dereito á vivenda está roto”, afirmou Besteiro no Parlamento.

O líder socialista cualificou a situación de alarmante: o prezo da vivenda subiu un 21,4% en 2024 e os alugueiros aumentaron un 57% na última década, superando os 2.000 euros por metro cadrado en cidades como Vigo ou A Coruña. “O problema non é só de mercado, senón de modelo. A especulación divide, desiguala e fractura a sociedade”, advertiu.

A proposta do PSdeG busca blindar por lei que toda vivenda construída con financiamento público permaneza no parque público e garantir que a Xunta dispoña de dereito preferente de compra. “Nin un só euro público pode acabar na especulación. A vivenda pública debe ter prezos accesibles para quen a precise, hoxe e mañá”, destacou.

Besteiro criticou tamén a falta de compromiso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na Conferencia de Presidentes onde se negociaba un acordo co Goberno de España que incluía 380 millóns de euros para vivenda pública en Galicia. “Ergueuse sen pactar nada. Sempre desaparece cando hai que dar a cara por Galicia”, reprochou.

⚙ Configurar cookies
0.21958303451538