Besteiro insta a Rueda a sumarse ao plan de vivenda estatal “en defensa dos galegos e non dos intereses de Feijoo”

O líder do PSdeG reclama que a Xunta participe no novo plan de vivenda pública impulsado polo Goberno, que supón un investimento de 380 millóns de euros e require só 32 da Xunta.
Besteiro-Miguel-Lara-Méndez-Lugo-PSOE
18 Jun 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a sumarse ao novo plan estatal de vivenda pública, logo de que o Goberno central confirmara a construción de 300 novas vivendas en Galicia dentro dunha ampliación do programa que foi rexeitado pola Xunta na Conferencia de Presidentes.

Besteiro salientou que o investimento estatal ascenderá a 380 millóns de euros nos vindeiros catro anos, e que á Xunta só se lle require unha achega de 32 millóns. “É un esforzo moi pequeno para un beneficio enorme para Galicia”, afirmou, e puxo en valor que se trata de vivenda “que quedará sempre en mans públicas”.

O líder socialista criticou que Rueda rexeitara o plan por obediencia a Feijoo, ao acudir á conferencia co único obxectivo de “rebentar o encontro e pedir eleccións”. “Agora que a ministra confirmou que o plan continúa, a Xunta ten unha nova oportunidade para poñerse do lado dos galegos e galegas”, sinalou, e pediulle a Rueda que pense no interese da cidadanía “e non no de quen manda en Génova”.

Na súa intervención ante os medios, Besteiro tamén respondeu sobre a sesión de control no Congreso, que cualificou como “bochornosa” por parte do PP, “un partido que acumula 30 causas penais e ten preto de 150 cargos públicos implicados”.

Comparou o proceder das formacións políticas ante a corrupción: “O Partido Socialista, cando detecta corrupción, actúa con determinación, illaa e fai que se depuren responsabilidades. O PP, en cambio, oculta e protexe”.

Lembrou que “moitos deses cargos implicados estaban esta fin de semana na manifestación contra o Goberno en Madrid, sacando peito coma se non pasara nada”. Para Besteiro, “esa é a mostra da súa cara dura e da súa forma vergoñenta de actuar”.

⚙ Configurar cookies
0.30208206176758