Besteiro insta á Xunta a superar os seus “complexos climáticos” e poñer a Galicia á fronte da axenda verde europea

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, visitou en Rianxo as actuacións do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto pioneiro financiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con fondos europeos, e instou á Xunta a deixar atrás a pasividade e situar a Galicia á vangarda da axenda verde europea.
Besteiro
18 Oct 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou este mércores desde Rianxo que “Galicia pode ser parte do liderado verde que Europa impulsa desde Bruxelas, activando medidas urxentes de adaptación ao cambio climático tanto na xestión do territorio como nas políticas económicas, pero para iso Rueda e o PP deben superar os seus complexos climáticos e deixar atrás anos de pasividade e improvisación”.

Besteiro visitou as actuacións impulsadas polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza, acompañado de responsables da Fundación RIA e dos colectivos implicados neste proxecto pioneiro de restauración forestal e prevención de incendios. Subliñou que se trata dun “exemplo de acción sostible, planificada e útil para o territorio”, posto en marcha tras os grandes incendios que afectaron á zona.

“Hoxe Teresa Ribera presenta en Bruxelas unha nova diplomacia verde europea, que segue os pasos do gran Pacto polo Clima que propoñemos os socialistas. Experiencias como a de Rianxo demostran que esa visión é unha realidade que se pode aplicar noutras zonas de Galicia, que non pode quedar fóra dese cambio”, afirmou.

O proxecto, financiado con dous millóns de euros do Goberno de España a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e a Fundación Biodiversidade, integra á USC, á Fundación RIA e ás comunidades de montes da comarca, combinando investigación, acción e planificación forestal.

“Este é o modelo que funciona: coidar o monte todo o ano, non só cando arde; anticiparse aos riscos, xerar emprego verde e fortalecer o rural”, explicou Besteiro, que percorreu distintas actuacións de limpeza de montes, restauración de solos, plantacións de castiñeiros e uso da gandeiría extensiva nas zonas de Taragoña, Ourille, Leiro e Monte Pena.

O líder socialista advertiu de que “Galicia leva demasiado tempo sen aplicar políticas do territorio e forestais adaptadas á nova realidade climática e social, mentres o resto de Europa avanza con decisión na transición ecolóxica”. “O abandono non é unha opción: necesitamos planificación, prevención e vontade política”, engadiu.

Besteiro concluíu salientando que “en Rianxo hai futuro porque hai compromiso social, fondos europeos e un Goberno de España que aposta polo territorio. Iso é o que lle falta á Xunta: crer de verdade neste país”.

Mentres o líder socialista visitaba este proxecto, a vicepresidenta Teresa Ribera presentaba en Bruxelas a nova Visión Global de Clima e Enerxía da Unión Europea, coa que a UE pretende reforzar a súa diplomacia climática e impulsar tecnoloxías limpas en todo o mundo.

⚙ Configurar cookies
0.28163194656372