Besteiro lembra en Vilagarcía a subida do 75 % do SMI con motivo do 29N

José Ramón Gómez Besteiro valorou hoxe desde Vilagarcía a “boa nova para moitísima xente” que supón o novo incremento do salario mínimo interprofesional acordado polo Goberno. Tal como sinalou o secretario xeral do PSdeG, a novena suba do SMI desde que Pedro Sánchez chegou á presidencia, en 2018, elévao ata os 1.286 euros, 550 máis que hai oito anos. Trátase dun aumento “espectacular”, do 75 %. Nesta ocasión “vai beneficiar a 127.000 galegos e galegas”. E veranse favorecidas especialmente mulleres, xa que supoñen o 60 % desas persoas, recordou.
Besteiro participou hoxe nun acto electoral na compaña do secretario xeral provincial, David Regades; a número 4 ao Congreso por Pontevedra, a vilagarciana Tania García, e os candidatos á Cámara Baixa Marica Adrio e Manuel Pazos e a candidata ao Senado Olga Alonso.
O líder socialista apuntou, ademais, que o Consello de Ministros tamén aprobou unha suba dun 4,5 % para os funcionarios e funcionarias, pero insistiu, sobre todo, en que o Executivo está a cumprir o compromiso de mellorar o poder adquisitivo prestando especial atención aos sectores da poboación que máis o precisan.
“Lembran cando o PP e Vox dicían que subir salarios prexudicaba a produtividade? Pois todo o contrario: medramos máis e producimos máis e mellor”, asegurou Besteiro, que preguntou tamén “onde estaban o PP e Vox” mentres o Goberno adoitaba medidas en favor dos traballadores e traballadores. “Votando non”, lembrou.
Sobre as intencións da dereita e a ultradereita, subliñou que nos seus programas electorais non existe ningún tipo de compromiso respecto da subida do SMI. Porén, no do Partido Socialista si o hai, para o salario mínimo “estea sempre por enriba do 60 % do salario medio”. “Ímolo elevar a lei para que se blinde”, engadiu.
“O 29N tamén vai de mellorar o poder adquisitivo ou volver aos recortes”, sinalou como un dos moitos motivos para votar ao PSOE o vindeiro 29 de novembro.
David Regades fixo un chamamento “a todas esas persoas de centro que di que nunca votaría á ultradereita” para explicarlles a acción de goberno dos últimos anos. “Medraron as pensións, as bolsas de estudos, o salario mínimo e, algo moi importante, a xente que tiña un contrato en precario hoxe ten un contrato fixo”. Fíxoo nun momento no que na provincia de Pontevedra o PSOE “está disputando o cuarto deputado” para confirmarse como primeira forza, asegurou.
Tania García valorou, pola súa banda, que, se o incremento do salario mínimo interprofesional “redunda na calidade de vida” de boa parte da cidadanía, o dos salarios do funcionariado tradúcese tamén “no reforzo dos servizos públicos”. Referiuse, ademais, ao incremento das pensións nun 44 % desde o 2018. “Iso é apostar por avanzar no estado de benestar”, destacou.