Besteiro: “Mentres vostedes fabrican mentiras, milleiros de fogares viven angustiados as esperas sanitarias”

O voceiro parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este mércores ao Goberno galego de negar o evidente colapso da sanidade pública mentres milleiros de persoas viven angustiadas polas listas de espera. “Mentres vostedes fabrican mentiras nos despachos, en milleiros de fogares viven angustiados as esperas sanitarias”, declarou no pleno do Parlamento.
Lembrou casos como o de persoas que agardan 11 meses por unha cita en cardioloxía ou máis dun ano por unha revisión de endometriose, e sinalou que en Galicia hai 11.000 nenos e nenas sen pediatra, máis de 260.000 persoas esperando unha cita cun especialista e máis de 90.000 en lista de espera cirúrxica.
Besteiro apuntou que, nos últimos quince anos, hai 900 profesionais menos en atención primaria, cinco meses de demora para atención en saúde mental e que Galicia ocupa os peores postos estatais en ratio de persoal sanitario. “A xente xa non cre as escusas. E vostede, señor Rueda, é o responsable directo desta situación”, insistiu.
O líder socialista presentou propostas para reverter esta situación: garantir por lei unha cita médica en atención primaria en 48 horas, integrar a saúde mental nos centros de saúde e blindar servizos básicos nos hospitais comarcais, con persoal estable.
Tamén criticou a falta de prazas MIR solicitadas pola Xunta e a derivación constante de fondos á sanidade privada: “En Galicia aumentou un 20% a contratación de seguros privados. Vostede entende que isto é un problema ou era o seu obxectivo?”, preguntou a Rueda.
Besteiro concluíu retando ao PP a apoiar a Proposta de Lei socialista para garantir a atención en 48 horas: “Se todo está tan ben, non deberían ter problema en aprobala”.