Besteiro: “No rural ou non hai centros de saúde, ou os centros están sen médicos”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou hoxe a situación crítica da atención primaria nas zonas rurais de Galicia desde o centro de saúde de Curtis, un dos que sofre longas listas de espera e falta de facultativos.
“A realidade do rural é tan sinxela como cruel: ou non hai consultorios, ou os que existen carecen de médicos”, sinalou Besteiro, que estivo acompañado pola deputada Silvia Longueira, o secretario provincial Bernardo Fernández e alcaldes da comarca.
O líder socialista censurou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por prometer 14 psicólogos “que veñen anunciando desde hai tres anos sen chegar nunca”. Asegurou que para encarar a emerxencia de saúde mental “sería preciso duplicar o cadro de psicólogos clínicos” ante o millón e medio de citas anuais solicitadas neste ámbito.
Besteiro advertiu que a precariedade asistencial “non é un caso illado, senón un problema xeneralizado” e criticou que o PP “leva 16 anos mirando para outro lado mentres a sanidade pública se deteriora”.