Besteiro participará na manifestación en defensa da sanidade pública galega en Santiago

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, encabezará a representación socialista na manifestación en defensa da sanidade pública galega que terá lugar este domingo, 1 de febreiro, en Santiago de Compostela. A protesta, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, partirá ás 12.00 horas da Alameda.
Así o anunciou o portavoz da Executiva socialista, Julio Torrado, quen advertiu de que en Galicia “temos os mellores profesionais, pero a peor das xestións”, en referencia á política sanitaria da Xunta do PP. Segundo denunciou, a comunidade presenta “o peor dato histórico en listas de espera” ao tempo que se reduce o investimento destinado ao persoal sanitario.
Torrado detallou que hai arredor de 360.000 galegos e galegas en lista de espera, xa sexa para consultas, probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas, das cales preto de 50.000 persoas están pendentes dunha operación. A esta situación súmase unha espera media de máis de cinco meses para unha primeira consulta de saúde mental, nun contexto no que Galicia lidera o consumo de psicofármacos no Estado.
O portavoz socialista tamén puxo o foco nas condicións laborais do persoal sanitario, sinalando que Galicia é a cuarta peor comunidade en retribucións, e que só destina o 11,82 % do orzamento sanitario á atención primaria, situándose á cola do país neste ámbito.
Entre as consecuencias deste escenario, Torrado destacou o aumento do recurso á sanidade privada. Na actualidade, 460.000 galegos e galegas contan con seguro sanitario privado, o que supón un incremento do 25 % nos últimos dez anos.
“O conselleiro de Sanidade ten dúas actitudes: dicir que todo vai ben e atacar a quen critica, ou gardar silencio”, criticou Torrado, quen afirmou que o Partido Popular leva 15 anos sen modificar a súa política sanitaria, malia que “a sanidade de hoxe non é a mesma que hai quince anos”. Engadiu ademais que os orzamentos “medran por debaixo do incremento das necesidades reais”, o que na práctica supón unha perda de capacidade do sistema público.
Desde o PSdeG reiteraron a necesidade dun incremento do investimento sanitario, especialmente en atención primaria, pediatría e saúde mental, así como unha mellor planificación dos recursos. “É posible investir máis e facelo mellor para garantir unha sanidade pública digna”, concluíu Torrado.