Besteiro pide a dimisión de Xosé Carlos Valcárcel tras as acusacións por presunto acoso laboral

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pide ao alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, que abandone tanto os seus cargos institucionais como orgánicos tras as acusacións por presunto acoso laboral a unha militante.
O líder socialista explica que na tarde deste luns unha muller presentou unha denuncia por acoso laboral contra o alcalde de Barbadás, en represalia, segundo dixo, por ter denunciado previamente unha situación de acoso sexual atribuída a un exconcelleiro. A denuncia, segundo explican dende a executiva galega, tería sido atendida na mesma tarde de onte, e a propia vítima referendou os feitos a través da canle interna contra o acoso do partido. Tras ser coñecedores do caso, Besteiro asegura que o protocolo foi activado “de xeito inmediato”.
O Secretario xeral reitorou esta tarde nunha rolda de prensa o “apoio, afecto e solidariedade do Partido Socialista ás vítimas de acoso, “estean onde estean e sexan quen sexan”, e animou de novo a calquera vítima a denunciar, subliñando de novo que “é a denuncia a que activa todo o proceso que nos permite actuar”.
Besteiro reafirmou a “tolerancia cero” do partido fronte ao acoso que di, “é o único que actúa con rapidez e contundencia”. Ademais, lembrou que o respecto á vítima e a preservación absoluta do seu anonimato son unha prioridade irrenunciable, e insistiu en que “baixo ningún concepto” o PSdeG “porá o foco sobre a vítima e nunca facilitará información que poida permitir a súa identificación porque hai que respetar os tempos da vítima”.
O secretario xeral lembrou, en relación co caso de Lugo que, conforme á lei, é necesaria a denuncia por parte da propia vítima para poder actuar, e subliñou que sempre se animou a que esa denuncia se formalizase precisamente para activar os mecanismos de actuación. Ademais, o líder socialista insistiu en que desde que o partido tivo coñecemento da denuncia canalizada contra José Tomé, o PSdeG actuou “con prudencia, pero tamén con rapidez e contundencia”, evitando en todo momento poñer o foco sobre a vítima. Ademais, xustifica que neste caso o presunto acosador abandonou o partido en menos de 24 horas, que se seguiron os protocolos de maneira “absolutamente escrupulosa” e que a dirección explicou con detalle o proceso tanto á militancia como aos órganos internos do partido.
Respecto á situación de Xosé Carlos Valcárcel, que polo momento ten descartado dimitir, o partido provincial reunirase hoxe mesmo para recabar os testemuños das persoas implicadas e depurar responsabilidades “ata o final”.