Besteiro pide ambición científica fronte ao recorte da Xunta en investigación

O líder do PSdeG critica a rebaixa do 10 % en investigación nos orzamentos de 2026 e alerta de que Galicia perde talento, competitividade e capacidade de innovación
Besteiro
2 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou “máis ambición e menos retrocesos” na política científica da Xunta tras coñecerse que a partida principal de investigación nos orzamentos de 2026 sofre unha caída do 10 %. Durante unha visita ao CiQUS, en Santiago, destacou o papel esencial dos centros punteiros para garantir que Galicia compita na innovación europea e modernice o seu tecido produtivo.

Besteiro cualificou o CiQUS como “un centro punteiro non só pola súa capacidade tecnolóxica e científica, senón polos fondos que é capaz de captar”, lembrando que conta con máis de 180 investigadores, 394 publicacións recentes e case un 50% de colaboracións internacionais. O centro sostén boa parte da súa actividade grazas a 33 millóns de euros obtidos en proxectos competitivos e programas europeos de excelencia.

Segundo o líder socialista, investigacións desta dimensión “son as que nos poñen na vangarda e garanten a modernidade das empresas galegas, xerando novos materiais, tecnoloxías e solucións industriais”.

Besteiro criticou que o Goberno galego vaia na dirección contraria ao resto de Europa, onde se aposta por máis investigación, maior transferencia e reforzo dos centros singulares. “Moitos centros viven grazas aos fondos europeos e ás achegas do Estado, pero a Xunta, en vez de manter a inversión, redúcea”, afirmou.

Demandou unha carreira investigadora estable, investimentos sostidos e un plan de retorno de talento ligado ás necesidades industriais do país.

Ferrol e Madrid: dúas imaxes contrapostas

Sobre a manifestación histórica celebrada en Ferrol, Besteiro insistiu en que o futuro da comarca require “decisións valentes e inmediatas”, entre elas avanzar xa nun novo trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña.
Lembrou que a construción das fragatas suporá emprego durante os próximos 15 anos e reclamou ao PP que “deixe de estar ausente”. Tamén criticou o deterioro do transporte por estrada na comarca, competencia da Xunta.

En contraste, destacou que mentres o PSdeG estaba en Ferrol defendendo o futuro industrial, Alfonso Rueda acudía á manifestación organizada polo PP en Madrid. “Seguir a alguén que actúa como un polo sen cabeza non é o que lle interesa a Galicia”, afirmou.

Preguntado polo novo modelo de macroresidencias para menores migrantes anunciado pola Xunta, Besteiro foi especialmente duro: “Son centros de concentración. É un modelo inhumano”.
Alertou de que Galicia arrisca a súa tradición de país solidario asumindo ideas “importadas da ultradereita”.

Recordou que apenas se trata de 300 menores nun país con máis de 300 concellos e que Galicia devolveu 23 millóns de euros destinados a escolas infantís, o que desmonta o argumento de falta de recursos.
“Galicia ten que dar exemplo e non impregnarse de ideas negacionistas e de ultradereita que a maioría social rexeita”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.30858588218689