Besteiro pide unanimidade no Parlamento para condenar o xenocidio en Gaza

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este venres que o Parlamento de Galicia condene “por unanimidade” o xenocidio en Gaza. “Non podemos mirar para outro lado. O Parlamento debe falar alto e claro en nome do pobo galego”, afirmou na apertura da interparlamentaria socialista celebrada en Santiago.
No encontro, que reuniu a representantes do Congreso, Senado, Parlamento europeo e Parlamento galego, Besteiro alertou das múltiples emerxencias que vive Galicia, desde a sanidade pública deteriorada até a crise da vivenda, o retroceso do galego ou a emerxencia climática. “O futuro do país está en xogo. Chega a hora de escoller: defender Galicia ou renderse ao que mande Madrid”, advertiu, criticando a dependencia de Alfonso Rueda respecto de Feijóo.
Antes da reunión, os parlamentarios e parlamentarias socialistas realizaron unha acción simbólica nas escaleiras do Parlamento galego, formando coa axuda de paneis a bandeira de Palestina. Con este xesto, quixeron mostrar unidade e firmeza na denuncia da masacre.
Besteiro lembrou que o PSdeG rexistrou xa a petición dun minuto de silencio no próximo pleno e dunha declaración institucional de condena. “Falamos de máis de 65.000 mortos confirmados, pero a ONU alerta de que poden ser dez veces máis. É un crime masivo e indiscriminado”, sinalou.
O líder socialista comprometeuse a manter Gaza no centro da axenda política, participando en todas as mobilizacións previstas en Galicia e en España. Ademais, reclamou a gratuídade inmediata da AP-9, lembrando que “é posible, é xusto e é o que Galicia merece”.