Besteiro pide unha reunión urxente con Rueda pola situación internacional

O líder do PSdeG solicita unha xuntanza co presidente da Xunta para avaliar o impacto das tensións internacionais e pactar unha estratexia conxunta en defensa dos intereses de Galicia.
Besteiro
7 Apr 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dirixiuse este venres por carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para solicitarlle unha reunión urxente co obxectivo de analizar o impacto que o novo contexto internacional pode ter sobre Galicia e acordar unha resposta conxunta.

Na misiva, Besteiro expresa a súa preocupación polas consecuencias económicas e sociais que poden derivarse dos recentes movementos internacionais, especialmente polas novas políticas arancelarias anunciadas polos Estados Unidos, que ameazan con frear a internacionalización das empresas galegas e comprometer os avances dos últimos anos.

O líder socialista salienta tamén as oportunidades que se abren para Galicia no marco dos acordos con Mercosur e os investimentos europeos en materia de defensa, e defende que o Goberno galego debe actuar cunha estratexia clara e firme.

“Creo na importancia de traballar sempre con sentido de país”, sinala Besteiro, quen reitera a disposición do PSdeG a manter un diálogo construtivo co Executivo galego. “Confiamos en que poidamos atopar puntos de encontro en beneficio de todas as galegas e todos os galegos”, engade.

O secretario xeral socialista amosa a súa vontade de celebrar o encontro “no menor tempo posible” e queda á espera da resposta de Rueda para concretar a data e o formato da reunión.

⚙ Configurar cookies
0.12507605552673