Besteiro pon o foco na escoita, na xente e no futuro de Galiza na súa mensaxe de Nadal

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lanza unha mensaxe de Nadal centrada na escoita activa, na política útil e na necesidade de volver situar ás persoas no centro da acción política.
Besteiro
26 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo pública a súa mensaxe de Nadal cunha peza audiovisual que pon o acento na escoita, na xente e no futuro de Galiza tras un ano marcado pola incerteza e polas dificultades cotiás de moitas familias.

O vídeo constrúese a partir de sons, silencios e imaxes que remiten a realidades moi presentes na vida diaria da cidadanía galega, como as esperas na sanidade pública, os problemas de acceso á vivenda, a falta de reforzos no ensino, a preocupación da xente nova polo seu futuro ou os incendios que volveron golpear Galiza durante o verán, deixando unha fonda sensación de abandono e impotencia en numerosas comarcas.

A peza contrapón ese “ruído” —o de quen leva anos gobernando sen escoitar— coa voz da xente e coa dignidade de quen resiste, empurra e sostén o país mesmo nos momentos máis difíciles. Unha mensaxe que reivindica a escoita como punto de partida e a política útil como ferramenta imprescindible para dar respostas reais ás necesidades da sociedade.

A mensaxe inclúe tamén un momento íntimo e persoal, cunha conversa coa súa nai, que reforza o ton humano do vídeo e lembra que o compromiso político nace dos valores, da educación recibida e da responsabilidade coa sociedade á que se serve.

“Agora toca mirar ao 2026 con máis cabeza, con máis corazón e coa mesma idea de sempre: escoitar, compartir, acompañar e gobernar”, sinala Besteiro nunha mensaxe que combina memoria, reflexión e esperanza no futuro de Galiza.

⚙ Configurar cookies
0.29600310325623