Besteiro propón o “bono goberno” e acusa a Rueda de non dar resposta aos problemas reais

O líder do PSdeG critica a política de bonos da Xunta e denuncia a falta de planificación en vivenda, sanidade e industria.
Besteiro
11 Apr 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou no Debate do Estado da Autonomía a xestión do Goberno galego e acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de manter Galicia “sen rumbo” e sen respostas reais aos problemas da cidadanía.

Durante a súa intervención, Besteiro cuestionou a estratexia do Executivo baseada na creación de bonos como medida de resposta ás diferentes crises. “Levan anos anunciando bonos, pero non resolven os problemas”, afirmou, antes de propoñer o que definiu como o “bono goberno”: “Os cidadáns pagan impostos e o goberno resolve os problemas”.

O líder socialista puxo o foco en cuestións como a vivenda, lembrando que máis de 32.000 persoas están inscritas no rexistro de demandantes, mentres se deixaron sen executar máis de 100 millóns de euros destinados a este ámbito. Neste sentido, reiterou a proposta de crear un Banco Público de Alugueiro.

En sanidade, denunciou o deterioro da atención primaria, cun incremento das listas de espera e dificultades para conseguir cita, así como a falta de recursos en saúde mental.

Besteiro tamén criticou a ausencia dun modelo económico e industrial claro, sinalando casos como o proxecto de Altri ou a sociedade Recursos de Galicia, que cualificou de “opacos” e sen transparencia.

No ámbito do rural e do medio ambiente, advertiu da falta de planificación na prevención de incendios forestais. “O que non se planifica no inverno, arde no verán”, resumiu.

Ademais, cuestionou as políticas fiscais da Xunta, indicando que as rebaixas de impostos benefician ás rendas máis altas mentres se reducen recursos para servizos públicos. Tamén criticou o rexeitamento á condonación de débeda proposta polo Estado.

O líder socialista abordou tamén cuestións como a igualdade, denunciando a falta de medidas estruturais, e fixo unha chamada a manter unha posición clara contra a guerra no contexto internacional.

Besteiro concluíu que Galicia non precisa máis anuncios nin medidas puntuais, senón “un goberno que actúe e dea respostas reais á cidadanía”.

0.36746287345886