Besteiro propón o investimento de 50 millóns de euros na Educación galega a través dun plan de choque

Reclama tamén un calendario público de negociación do novo plan de financiamento universitario e que estea aprobado antes de que remate 2027
jose-ramon-gomez-besteiro-psdeg
7 Sep 2026

O secretario xeral e portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe o Plan de Choque para a educación galega que os socialistas rexistraron esta mañá no Parlamento de Galicia. A iniciativa mobilizaría 50 millóns de euros, o 1,6% do orzamento da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que este ano ascende a 3.090 millóns.

Besteiro abriu a súa intervención cunha crítica ao relato que a Xunta vén facendo do inicio de curso. "Levamos máis dun mes escoitando falar ao conselleiro dos milagres que nos agardan, con comparecencias falando de cifras récord, con algún plan presentado xa dúas veces", afirmou. E subliñou que ese relato non convence nin ao profesorado nin ás familias: "Os docentes chegan ao inicio de curso dicindo que as contas da Consellería non se corresponden con máis profesores reais nas aulas, e as familias levan meses dicindo exactamente o mesmo: consolidar prazas non é crear prazas novas".

A primeira pata do plan socialista son 35 millóns de euros para incorporar 650 profesionais ás aulas galegas: 300 especialistas en Pedagoxía Terapéutica, 150 en Audición e Linguaxe e 200 orientadores e orientadoras. "Cando digo novos refírome a que non son horas reordenadas nin prazas que xa existían con outro nome. Son 650 profesionais que hoxe non están nas aulas e que estarían, con praza estrutural e a xornada completa", precisou o portavoz.

Besteiro detívose na orientación porque, dixo, é o que menos se coñece fóra dos centros. "En Galicia non existe ningunha ratio. Ningunha. Un instituto pode ter 300 alumnos ou 1.300 e a norma di exactamente o mesmo, que é nada". Lembrou que a UNESCO fixa como referencia unha orientadora por cada 250 alumnos, o mesmo número que reclaman as propias orientadoras galegas e que o PSdeG recolle no seu plan como obxectivo. "Hoxe hai centros con máis de mil alumnos e unha soa orientadora. Iso todos sabemos que non é orientación, é simplemente un cartel colgado na porta dun despacho".

A segunda pata do plan son 15 millóns para un plan urxente de infraestruturas. Besteiro puxo o foco no reparto das obras deste verán: 86,7 millóns anunciados en 364 centros dos que a maior parte se concentra en 61 grandes actuacións, de xeito que aos 303 centros restantes lles quedan uns 23.400 euros de media, "que dá para arranxar un canalón ou cambiar unhas ventás". "Iso é mantemento, non modernización", resumiu.

Os socialistas acompañan esa partida dunha esixencia que, sinalou Besteiro, non existe en Galicia despois de dezasete anos de goberno do PP: un inventario público do estado de cada centro, cos criterios de prioridade, o custo de cada obra e o ano no que se vai facer. "Iso é planificar. O que hai agora é un calendario de anuncios", dixo.

Universidades: calendario con datas e novo plan aprobado antes de 2028

O portavoz do PSdeG referiuse tamén ao inicio do curso universitario. O Plan galego de financiamento universitario remataba este ano e o pasado 28 de xullo a Xunta anunciou a súa prórroga durante 2027, coa xustificación de que dúas das tres universidades acaban de renovar os seus equipos reitorais. Besteiro non comparte ese argumento: "A de Santiago ten reitora desde abril e a de Vigo desde finais de xuño. Están traballando e teñen proxecto. O que precisan é saber con que diñeiro contan a partir de 2028, e aprazar un ano non lles dá estabilidade: quítalles un ano".

Advertiu ademais das consecuencias a medio prazo desa falta de horizonte. "Unha universidade que non sabe canto vai ingresar dentro de tres anos non pode planificar o relevo do seu persoal nin ofrecerlle continuidade a unha investigadora nova. Iso non se nota nun exercicio orzamentario. Nótase dez anos despois, cando esa investigadora leva tempo traballando noutro sitio".

Sobre o grupo de traballo do plan 2028-2032, constituído tamén o 28 de xullo, avisou de que "un grupo de traballo sen datas non compromete a nada". Por iso o PSdeG pide dúas cousas: un calendario de negociación público e con datas, co novo plan aprobado antes de que remate 2027, e que se negocie coas tres universidades desde o primeiro día "e non se lles poña diante un documento xa pechado".

0.31560707092285