Besteiro propón un plan para contratar 42.500 mozos e mobilizar 5.000 vivendas

O PSdeG levará ao Debate do Estado da Autonomía un Plan de Primeira Oportunidade para a inserción laboral da mocidade e un Banco Público de Alugueiro para facilitar a emancipación xuvenil.
Besteiro Psoe
23 Apr 2025

O portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou hoxe que a mocidade será protagonista das propostas socialistas no próximo Debate do Estado da Autonomía. Entre as medidas destacadas, figura a posta en marcha dun Plan de Primeira Oportunidade para contratar a máis de 42.500 mozos e mozas con apoio público.

O plan, cun investimento previsto de 100 millóns de euros anuais, executaríase en colaboración co tecido empresarial galego para garantir contratos estables e expectativas de futuro. “É unha medida viable e necesaria. A Xunta deixou de ingresar o dobre deses 100 millóns ao rebaixar o imposto de patrimonio a quen ten máis dun millón de euros”, sinalou Besteiro.

O líder socialista alertou tamén de que a combinación de salarios baixos e alugueiros inasumibles está a converter á mocidade galega na nova clase traballadora pobre. “O 60 % dos mozos entre 25 e 34 anos segue vivindo cos seus pais porque non poden emanciparse”, asegurou.

Como segunda proposta, o PSdeG defende a creación dun Banco Público de Alugueiro para mobilizar 5.000 vivendas baleiras a prezos xustos, ofrecendo garantías tanto para propietarios como para inquilinos. “O mercado non resolve este problema e o PP non fixo nada en 16 anos”, denunciou.

Besteiro resumiu as iniciativas do PSdeG nun compromiso triplo: vivenda, traballo e futuro. “Non é só cuestión de que queden. É cuestión de que teñan motivos para volver”.

⚙ Configurar cookies
0.11592984199524