Besteiro reclama a Rueda que renuncie a apoiar o recurso de Altri e advirte de que a macrocelulosa pode comprometer proxectos sostibles

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que renuncie a apoiar o recurso anunciado por Altri contra a planificación eléctrica do Estado, advertindo de que podería “poñer en risco investimentos por valor de centos de millóns de euros” e “comprometer proxectos viables, sostibles e maduros” xa incluídos nesa planificación. “Se isto ocorre, Rueda será o responsable polo seu respaldo á planta”, asegurou.
Besteiro fixo estas declaracións durante unha visita á cooperativa Milhulloa, en Palas de Rei, á que cualificou como un exemplo de “innovación vinculada á terra”, tras máis de dúas décadas “demostrando que se pode crear emprego e riqueza cun modelo sustentable e cen por cen ecolóxico”.
Desde a Ulloa, o líder socialista apostou por impulsar iniciativas innovadoras que promovan unha economía respectuosa co patrimonio e o medio natural, en lugar de “macrofábricas que esquilman”. Lembrou que esta comarca é “un referente en Galicia polo seu sector agrario e gandeiro” e polo seu compromiso co futuro do rural.
“O camiño é apoiar proxectos que coidan o territorio, xeran valor engadido e fortalecen o rural”, defendeu Besteiro, “fronte á planta de Altri que pretende impoñer a Xunta e que non representa nin futuro nin progreso”. “Nós defendemos a industria, pero unha industria que cree emprego de calidade e respecte o maior patrimonio que temos: o noso medio natural”, insistiu.
Besteiro alertou de que levantar unha celulosa na Ulloa danará os recursos naturais, desprazará cultivos e explotacións e causará un impacto catastrófico sobre o medio, ademais de non crear o emprego prometido nin contribuír a fixar poboación.
O secretario xeral lembrou que, tras os “tres non do Goberno” —á subvención do Perte de descarbonización, ás axudas extraordinarias e á conexión eléctrica—, queda demostrado que o proxecto de Altri “non é viable nin económica, nin social, nin ambientalmente”, e que “nin España nin Europa lle abriron as portas”. “En Galicia non o queremos”, sentenciou.
Preguntouse finalmente “que vai facer Rueda respecto do recurso que estuda presentar Altri tras a súa exclusión da planificación eléctrica” e advertiu que apoialo sería irresponsable. Por iso, reclamoulle “que renuncie dunha vez a instalar Altri en Palas, que resolva negativamente e dea o proxecto por liquidado”.
Besteiro lamentou que a macrocelulosa fose “a única aposta de Rueda para a Ulloa” e pediulle que “cambie xa de rumbo”. Criticou tamén que os Orzamentos da Xunta para 2026 non inclúan partidas para impulsar a economía sostible nin para vivenda, a principal preocupación da cidadanía. “Xa avanzamos que presentaremos emendas aos orzamentos para eses fins”, anunciou.