Besteiro reclama ao PP que constitúa unha comisión de estudo do leite

O líder do PSdeG visita a Semana Verde de Silleda e reclama implantar produtos de proximidade nos comedores que dependen da Xunta
besteiro-silleda-leite
5 Jun 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle hoxe ao PP que acelere a constitución da Comisión de Estudo sobre o leite no Parlamento para acordar mecanismos que garantan que a industria “deixe de ter manga ancha para marcar uns prezos inasumibles”. Así o dixo na visita á Semana Verde de Silleda xunto coa alcaldesa, Paula Fernández, dende onde reivindicou a produción agrogandeira galega e reclamou o uso de produtos de proximidade nos comedores que dependen da Xunta.

Besteiro emprazou ao PP a convocar xa a Comisión de Estudo sobre o leite que foi acordada por unanimidade de tódolos grupos parlamentarios logo da petición do sindicato Unións Agrarias. Subliñou a urxencia de convocar este órgano para chegar ao remate do período de sesións con acordos sobre a mesa de cara á renovación dos contratos entre produtores e industria que deberá producirse en agosto.

Aludiu á caída continuada de prezos por debaixo dos custes de produción que está a poñer en risco a continuidade das explotacións gandeiras galegas. Neste sentido, lembrou que a caída de 6 céntimos no mes de abril supuxo a perda de 17 millóns de euros en toda Galicia, o que supuxo que nun só mes se rexistraran 24 granxas de leite menos e nun ano pecharan 314 explotacións, poñendo en risco a continuidade de todo un sector.

Besteiro emprazou a reunir canto antes a Comisión de Estudo como foro de debate e de toma de decisións, incorporando as propostas do Grupo Socialista para que sexa operativa, resolutiva e construtiva e garantir contratos dignos e explotacións viables.

O responsable socialista defendeu a Semana Verde de Silleda como “escaparate inmellorable” para a defensa dos produtores galegos e para reivindicar as propostas que o PSdeG está a levar ao Parlamento de Galicia para implantar produtos de proximidade nos comedores que dependen da Xunta. Emprazou ao goberno galego a empregar a rede propia de hospitais, residencias, colexios e escolas infantís para impulsar a produción propia “de calidade e con garantías”.

Sinalou que se trata dunha proposta “concreta e viable” e amosa o “camiño axeitado” para poñer en valor e impulsar aos produtores propios de Galicia. Así o dixo dende a “cita ineludible” para o sector agrogandeiro galego que é a Semana Verde de Silleda, logo da benvida da alcaldesa, Paula Fernández, que salientou a repercusión internacional do certame como foco de atención para a cidadanía e para os negocios relacionados co sector primario.

0.380784034729