Besteiro reclama atención para unha Ferrolterra esquecida por Rueda: “Precisamos máis sanidade e mellor conexión entre concellos”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou en Ferrol a falta de investimento e planificación da Xunta na comarca de Ferrolterra e defendeu a necesidade de reforzar a sanidade pública e mellorar as conexións entre concellos.
Besteiro
7 Oct 2025

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este luns en Ferrol o “abandono e a falta de compromiso” do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa comarca de Ferrolterra, á que acusou de estar “condenada ao illamento sanitario e de transporte pola inacción e a ausencia de investimentos reais do Goberno galego”.

Besteiro realizou estas declaracións nun encontro cos medios nos arredores do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), co obxectivo de visibilizar “a grave situación sanitaria que viven milleiros de veciños e veciñas”. Pola tarde, o PSdeG celebrará en Ferrol a reunión da súa Comisión Executiva Nacional, dentro dun proceso de descentralización que levará o órgano de dirección socialista a distintas comarcas galegas.

Durante a súa intervención, o líder socialista advertiu que Ferrolterra “atravesa unha situación crítica e insostible nos servizos públicos, consecuencia directa da falta de planificación e do abandono da Xunta”. Indicou que o CHUF acumula máis de dous anos de atraso nas obras de modernización, sofre unha “grave escaseza de persoal” e presenta “tempos de espera que superan os seis meses en especialidades como traumatoloxía”.

Ademais, sinalou que a atención primaria “está desbordada” e que o transporte interurbano resulta insuficiente e irregular, o que agrava o illamento da comarca. “Rueda leva anos ignorando as necesidades reais de Ferrolterra. Non hai planificación, nin recursos, nin vontade política”, afirmou.

Besteiro tamén se referiu á situación doutros servizos públicos, como a educación, con centros que precisan reformas urxentes —entre eles o CEIP Isaac Peral—, e á Atención Social, onde “máis de 560 persoas seguen agardando pola Axuda no Fogar por falta de investimento autonómico”.

Fronte a esta realidade, destacou o impulso do Goberno de España e do Partido Socialista, que “están a sentar as bases do desenvolvemento económico e social de Ferrolterra” a través de proxectos como o plan de fragatas, que garante carga de traballo nos estaleiros durante os próximos 15 anos, ou a creación da Fábrica de Brot e do Instituto de Xemelo Dixital, que situarán a comarca “na vangarda da innovación tecnolóxica”.

Tamén salientou o compromiso coa mellora da rede ferroviaria, coa posta en marcha do bypass de Betanzos, e lembrou a proposta socialista de gratuítade da AP-9, “clave para mellorar a conectividade de Ferrolterra e integrar a comarca co resto do país”.

Por último, Besteiro referiuse á manifestación celebrada onte en Compostela en repulsa polo xenocidio en Gaza, que cualificou de “mobilización limpa, lexítima e solidaria”, lamentando a ausencia do Partido Popular e os seus “comentarios frívolos ante un drama humanitario desta magnitude”.

⚙ Configurar cookies
0.28571891784668