Besteiro reclama en Lugo máis forza municipalista para seguir protexendo a provincia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apostou por reforzar os gobernos locais como eixo das políticas útiles e lembrou que Lugo é “clave para o futuro de Galicia”.
Besteiro
12 May 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado no acto de clausura do Congreso Provincial socialista en Lugo cunha mensaxe centrada na necesidade de reforzar a presenza do partido nos concellos: “Precisamos máis forza municipalista para seguir protexendo a provincia, como xa facemos desde os gobernos locais e desde a Deputación”.

Besteiro felicitou a José Tomé e á nova executiva provincial “polo respaldo da militancia e por liderar unha nova etapa cun proxecto serio, conectado coa xente e comprometido co futuro de Lugo”.

Advertiu que Lugo é o espello da falta de proxecto do PP e dun presidente da Xunta “que agacha a cabeza ante Feijóo” mentres segue prometendo obras incumpridas como a Rolda Leste, o Museo da Romanización ou a posta en valor da Costa Norte.

Criticou a actitude do PP de “enfrontamento permanente” e cualificou a Rueda como “presidente de plató que só aparece cando hai cámaras”, mentres defendeu o traballo dos socialistas “pegados á terra, respondendo ás necesidades reais”.

Besteiro reclamou un modelo de desenvolvemento sostible, baseado nas renovables e na participación dos territorios, fronte ao xiro do PP cara á enerxía nuclear. Tamén criticou ao BNG polo seu “soberanismo desfasado que non responde ás necesidades reais da Galicia de hoxe”.

Finalmente, animou á militancia a “converter a forza do partido nunha forza electoral que permita seguir avanzando, reforzar os gobernos municipais, manter a Deputación e protexer Lugo fronte á desidia do PP”.

⚙ Configurar cookies
0.10136818885803