Besteiro reclama unha comisión de investigación polo pacto con Altri e esixe a Rueda explicacións por un acordo asinado á marxe do control administrativo

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pide que comparezan Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde para aclarar un memorando con Altri que o PP admite que se asinou sen control administrativo.
Besteiro-PSdeG
30 Jan 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe a creación dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para esclarecer as circunstancias nas que se asinou o memorando entre a Xunta e a multinacional Altri, e esixiulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dea explicacións públicas por un acordo que o propio PP admite agora que se asinou á marxe do control administrativo.

Besteiro cualificou os feitos de “extremadamente graves” desde o punto de vista político e institucional, ao implicar que un conselleiro puido comprometer a Galicia nun acordo de enorme transcendencia económica, territorial e ambiental sen control político nin transparencia. “Non é crible que a Xunta non saiba que compromisos se asumiron en nome de Galicia. Se non o sabe, o problema é gravísimo. E se o sabe e non o explica, tamén”, advertiu.

O líder socialista lembrou que o proxecto de Altri naceu baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo, cun Francisco Conde que exercía como vicepresidente da Xunta e máximo responsable da política económica e industrial. “Falamos dun memorando asinado cando Conde era a man dereita de Feijóo. Pretender agora que un acordo destas dimensións se asinou sen coñecemento político ao máis alto nivel non resulta verosímil”, sinalou.

Besteiro lembrou tamén que o PSdeG foi o primeiro grupo en alertar no Parlamento da opacidade que rodeaba este proxecto e denunciou desde finais de 2023 o uso de Impulsa Galicia como unha sociedade instrumental para impulsar proxectos estratéxicos á marxe do control parlamentario. “O tempo está a darnos a razón. O que está a pasar é grave e non se pode normalizar”, afirmou.

Segundo a información coñecida, o memorando foi asinado en 2021 por Francisco Conde no marco de Impulsa Galicia, sen que a Xunta aclare nin o seu contido nin os compromisos asumidos. Para Besteiro, esta explicación é politicamente insostible e incompatible co funcionamento dun goberno democrático.

O secretario xeral do PSdeG advertiu ademais do risco de que o acordo inclúa algún tipo de blindaxe legal para a empresa que permita a Altri reclamar indemnizacións millonarias con cargo a fondos públicos. “Estariamos ante un nivel de irresponsabilidade política inadmisible, con consecuencias económicas moi serias para Galicia”, alertou.

“Non estamos a falar dun trámite administrativo nin dun acordo menor. Estamos a falar dun pacto que condiciona un proxecto estratéxico con impacto territorial, ambiental e económico e que pode comprometer recursos públicos”, subliñou.

Besteiro cuestionou tamén que un conselleiro puidese actuar á marxe do presidente da Xunta e do Consello de Goberno. “Se isto ocorreu sen coñecemento do presidente, estamos ante un problema gravísimo de funcionamento institucional. E se ocorreu con coñecemento, alguén está a ocultar información”, afirmou.

Por todo isto, o líder socialista considera imprescindible que Feijóo e Conde, actualmente deputados no Congreso, comparezan nunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia. “É unha cuestión de transparencia, de responsabilidade política e de respecto á cidadanía. Galicia merece saber que se asinou, con que mandato e con que consecuencias”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.17881083488464