Besteiro reclámalle a Rueda que “non mire para outro lado” e poña en marcha “tódolos procedementos” para frear o peche de Sagadelos

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao presidente da Xunta a actuar de forma inmediata e decidida para evitar o peche da fábrica de Sargadelos en Cervo. Durante unha visita á empresa tecnolóxica Tarlogic, en Teo, lembrou que a Xunta xa abandonou en dúas ocasións o Padroado da Fundación –en 1992 e en 2020– e advertiu de que agora non pode volver darlle as costas ao proxecto.
Besteiro sinalou que o goberno galego “debe asumir un protagonismo total” nun procedemento “absolutamente reversible” e utilizar todos os recursos dispoñibles para evitar unha situación que cualificou como grave, tanto polo impacto no emprego como polo que representa Sargadelos como símbolo cultural e industrial de Galicia.
O líder socialista anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para forzar á Xunta a actuar con responsabilidade e garantir a continuidade da actividade produtiva, insistindo en que “non se trata só de cerámica, senón dun proxecto con forza cultural e valor económico para Galicia”.