Besteiro reclámalle á Xunta un modelo de centros educativos sostibles para Galicia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle á Xunta a posta en marcha dun modelo galego de centros educativos sostibles inspirado no programa municipal Escoles+Sostenibles de Barcelona.
Durante a súa visita á capital catalá, Besteiro reuniuse co alcalde, Jaume Collboni, e con técnicos municipais para analizar a Estratexia de Centros Educativos polo Clima. A continuación, visitou a gardería Aurora, no barrio do Raval, onde se está transformando o patio “nun refuxio climático, máis verde e preparado fronte ás ondas de calor”.
“O programa socialista de escolas sustentables demostra que é posible abordar desde os colexios a loita contra o cambio climático cunha visión integral: alimentación, enerxía, residuos e espazos, tamén coa transformación dos patios”, subliñou.
Besteiro anunciou que o Grupo Socialista no Parlamento galego presentará unha iniciativa para crear programas educativos integrais contra o cambio climático. Ademais, esixiulle á Xunta que cumpra o acordo aprobado na Cámara para empregar produtos locais nos comedores escolares e residencias de maiores, “medida que segue sen aplicarse”.
Na súa visita, o líder socialista destacou a importancia da alimentación sostible con produtos de proximidade, a loita contra o desperdicio alimentario, o aforro enerxético, a redución do ruído e a prevención de residuos, medidas xa presentes nas escolas de Barcelona e que, segundo afirmou, “deberían ser tamén unha realidade en Galicia para educar en valores sostibles desde a infancia”.