Besteiro reforzará con Illa en Barcelona a colaboración entre o PSdeG e o PSC

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, viaxará mañá a Barcelona para dar continuidade ao grupo de traballo constituído o pasado mes de xullo entre os socialistas galegos e cataláns, xunto ao primeiro secretario do PSC e presidente da Generalitat, Salvador Illa. Besteiro devolve así a visita que Illa realizou a Galicia hai uns meses.
Este grupo de traballo establece un marco de colaboración permanente en áreas clave como a vivenda, a lingua, o autogoberno, as políticas sociais e o desenvolvemento autonómico, co obxectivo de compartir propostas e experiencias. Tal e como explicou Besteiro, servirá tamén para poñer en valor un modelo de país compartido entre Galicia e Cataluña.
Ademais deste encontro, Besteiro cumprirá unha axenda intensa ata o venres, que inclúe reunións con entidades dos ámbitos empresarial, social e cultural, así como xuntanzas de traballo arredor de cuestións centrais do programa político socialista, como a vivenda, a emigración, o desenvolvemento do rural ou o reforzo dos servizos públicos.
O líder do PSdeG será tamén o encargado de dar o pregón das festas do San Froilán barcelonés, no distrito de Nou Barris, tras aceptar a invitación da comunidade galega residente na capital catalá. Nou Barris concentra unha parte importante das preto de 60.000 persoas nacidas en Galicia que viven en Barcelona.