Besteiro reitera o compromiso feminista do socialismo galego

O secretario xeral do PSdeG defendeu o municipalismo, criticou a asfixia financeira da Xunta aos concellos e chamou á unidade para construír unha alternativa ao PP “cada vez máis contaminado pola extrema dereita”
Besteiro-PSdeG
Actualizada el 12 enero 2026, 09:10 horas
10 Jan 2026

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou no primeiro Comité Nacional de 2026 o socialismo galego como “a única forza coherente” na defensa da igualdade, dos dereitos humanos e dos valores democráticos fronte ao avance da extrema dereita, unha deriva que advertiu que “xa está presente tamén en Galicia”.

O Comité puxo o foco no municipalismo como primeira liña de resposta ás necesidades da cidadanía e aprobou unha resolución en defensa dun financiamento local xusto. Besteiro denunciou que a Xunta do PP está a afogar economicamente aos concellos, trasladándolles competencias impropias sen os recursos necesarios para asumilas, o que cualificou de estratexia de control político.

Neste sentido, o PSdeG acordou encabezar e apoiar aos concellos no caso de que leven aos tribunais o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo esencial que atende a máis de 25.000 persoas e que, segundo a Fegamp, supón un impacto económico duns 700 millóns de euros anuais para as administracións locais.

No balance da situación galega, Besteiro cargou contra a xestión da Xunta tras 17 anos de gobernos do PP, denunciando o deterioro dos servizos públicos. Referiuse ao fracaso das políticas de vivenda, cun incremento do 22% nas persoas demandantes de vivenda pública; á situación “alarmante” da sanidade, con centos de miles de persoas en listas de espera; e aos atrasos na dependencia, que chegan a rozar o ano.

Tamén criticou que Alfonso Rueda aprobara en solitario os orzamentos da Xunta para 2026, “sen diálogo nin vontade de acordo”, consolidando —dixo— un modelo que amplía desigualdades e protexe privilexios. Acusou ademais ao Executivo galego de carecer dunha política industrial real e de apostar como proxecto estrela pola macrocelulosa de Altri, “que Galicia nin quere nin necesita”.

En materia de financiamento autonómico, Besteiro defendeu un modelo federal, constitucional e solidario que teña en conta as singularidades de Galicia e que podería supor preto de 600 millóns de euros máis para a comunidade. Reprochou a Rueda que rexeite esta mellora “seguindo o guión de Feijóo, aínda que iso prexudique directamente aos galegos e galegas”.

Fronte á proposta do BNG dun concerto económico, advertiu de que carece de cláusulas de solidariedade e suporía unha perda de recursos para Galicia. En contraposición, defendeu unha fiscalidade progresiva e redistributiva, fronte ao “dumping fiscal da dereita”.

Compromiso feminista inequívoco

No plano orgánico, Besteiro reafirmou o ADN feminista do PSdeG e defendeu a actuación do partido ante os casos de presunto acoso sexual, subliñando que se actuou “con celeridade, rigor, transparencia e respecto absoluto ás vítimas”, sempre conforme á legalidade vixente e aos protocolos internos.

Indicou que, cando houbo coñecemento formal de denuncias, o partido actuou de maneira inmediata, esixindo responsabilidades políticas e orgánicas e retirando o foco público das vítimas. Ao tempo, advertiu contra o uso espurio destas situacións con fins partidistas, algo que —dixo— dana ás vítimas e ao propio feminismo.

Finalmente, o secretario xeral chamou á unidade do socialismo galego, fronte ao ruído interno e á confrontación estéril, e apelou a centrar os esforzos en construír unha alternativa sólida ao PP. “Galicia precisa dun socialismo unido, con valores claros e políticas útiles para a maioría social”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.33362317085266