Besteiro reivindica a igualdade real e avisa: "Non imos permitir nin un paso atrás"

A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, e a investigadora Mari Lires recollen os Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez nun acto marcado pola homenaxe á alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos
Besteiro-min
7 Mar 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou hoxe a necesidade de seguir avanzando en igualdade na entrega dos Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez. "A igualdade non é unha meta abstracta, é unha urxencia real", subliñou, comprometéndose a que "no PSdeG seguiremos facendo políticas feministas reais, que garantan oportunidades e protexan os dereitos". Ademais, advertiu que "fronte aos que queren retroceder, estamos aquí para avanzar. Sen desculpas, sen medias tintas e sen deixar a ninguén atrás".

Besteiro tivo unhas palabras de recordo para Paula Alvarellos, asegurando que "a súa voz, o seu compromiso e a súa loita seguirán marcando o noso camiño". Engadiu que "Paula sabía que o feminismo non é unha consigna, é unha acción diaria", e insistiu en que "non estamos aquí só para homenaxeala, senón para continuar a súa tarefa".

O secretario xeral dos socialistas galegos advertiu que “non imos admitir nin un paso atrás nos dereitos das mulleres” e asegurou que "o futuro será feminista si ou si, porque non permitiremos que sexa doutro xeito".

Nesta edición dos premios recoñeceuse o labor de Mari Lires e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Besteiro destacou que "Mari Lires demostrou que a ciencia tamén pode e debe ser feminista", poñendo en valor a súa traxectoria na investigación e na docencia. Pola súa banda, subliñou que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia "loita por algo esencial: a maneira en que se conta o mundo", advertindo que "se o mundo se conta sen mulleres, con prexuízos e estereotipos, esa historia é mentira".

A deputada Lara Méndez interveu previamente nun emotivo recordo a Paula Alvarellos, salientando a fonda pegada que deixou en quen a coñeceron e compartiron con ela traxectoria e compromiso. Méndez puxo en valor "a súa dedicación incansable" e destacou que "Paula foi e será sempre un referente, unha amiga e unha compañeira indispensable".

Pola súa banda, Silvia Fraga, secretaria de Igualdade da Executiva do PSdeG, demandou a aplicación transversal da perspectiva de xénero porque, dixo, “segue sendo unha asignatura pendente en moitos ámbitos. Na saúde, a investigación e a práctica médica continúan baseándose nun enfoque androcéntrico, o que leva a diagnósticos tardíos e tratamentos inadecuados para as mulleres”.

Na política, e pese aos avances en representación, Fraga sinalou que “seguimos sen estar en igualdade real nos espazos de toma de decisións” e reivindicou a consolidación “dunha perspectiva feminista en todas as áreas para garantir unha igualdade efectiva e real”.

⚙ Configurar cookies
0.091209888458252