Besteiro: “Reivindicamos un financiamento que responda ás necesidades de Galicia; o que non sabemos é que tipo de financiamento quere a Xunta”

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu este martes en Ferrol que Galicia conta con “singularidades especiais” que deben ser atendidas á hora de establecer un sistema de financiamento autonómico. Entre elas, destacou a dispersión poboacional, o avellentamento, a perda de habitantes e tamén a existencia dunha lingua propia, “que debe ser valorada e considerada”.
Así o expresou tras a inauguración oficial da nova avenida das Pías na cidade naval, onde respondeu a preguntas dos medios sobre este asunto. Alí lamentou a actitude do Partido Popular e da Xunta de Galicia. “Nós reivindicamos un financiamento que responda ás necesidades de Galicia, pero o que non sabemos aínda é que tipo de financiamento quere a Xunta”, criticou.
Besteiro acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de manter unha postura obstrucionista: “Están sempre en contra, aínda que non se saiba moi ben de que, porque unhas veces din unha cousa e outras veces gardan silencio”, afirmou.
O líder socialista incidiu na importancia de que os fondos estatais destinados a este fin sexan “suficientes e solidarios entre todas as comunidades”. Segundo explicou, esa é a postura do PSdeG, “pero tamén a que defendemos desde o socialismo para o conxunto de España”.