Besteiro reta a Rueda a sentarse a negociar o financiamento e o eleve ata os mil millóns de euros

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a sentarse a negociar co Goberno de España un mellor financiamento autonómico e marcoulle un obxectivo concreto: traer para Galicia entre 900 e 1.000 millóns de euros. “É posible conseguir un mellor financiamento, pero para iso hai que sentarse a negociar e a falar”, dixo durante a sesión de control no Parlamento de Galicia.
Besteiro lembrou que o Goberno central xa puxo enriba da mesa 587 millóns adicionais para Galicia, 87 máis dos 500 que o propio Rueda cifraba hai uns meses como necesarios para mellorar os servizos públicos. É dicir, o que ao presidente da Xunta lle parecía suficiente daquela é exactamente a metade do que agora pode conseguir se defende os intereses do país nunha mesa de negociación. “Son suficientes eses 587 millóns? Non. Pero para melloralos hai que negociar, non bloquear”, sinalou.
O líder dos socialistas galegos denunciou que nunca houbo tantos recursos para a vivenda, a dependencia, a sanidade e os servizos públicos, e que o que tampouco houbo nunca é “un presidente da Xunta que lle di permanentemente non a Galicia e si ao que lle mandan desde Madrid”. “Vostede non goberna pensando en Galicia. Goberna ao ditado do que lle marca o seu partido, cuns intereses que non son os de Galicia. E agora hai ademais un novo susurrador ao oído do presidente da Xunta, que é Vox e a súa ideoloxía”, afirmou. “Cando Galicia necesita un presidente da Xunta, o que ten é un portavoz do Partido Popular en Madrid”.
Só así se entende, dixo Besteiro, que Rueda rexeite a cancelación de 4.010 millóns de euros dunha débeda real, xerada polos sucesivos gobernos populares, mentres se inventa unha factura ficticia de 4.000 millóns pola transferencia da AP-9. “Unha factura que Galicia non ten que pagar nin vai pagar. Non queren aliviar unha débeda real, pero invéntanse unha débeda que non existe. Un malabarismo total”, resumiu. E todo ese ruído, engadiu, ten un obxectivo: “tapar a traizón do Partido Popular votando no Congreso, da man de Vox, contra a transferencia da titularidade da AP-9 ao noso país”. Lembrou ademais que comunidades como Asturias ou Castela-A Mancha xa anunciaron que aceptarán a condonación da débeda.
Besteiro advertiu de que o calendario da negociación xa está en marcha, cunha reunión técnica prevista para o 14 de xullo e a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira o día 29, e preguntoulle a Rueda cal vai ser a posición que defenda a Xunta neses foros. “Ten proposta de financiamento? E se a ten, por que non a conta? O silencio e o bloqueo non son unha posición”, afirmou. Neste sentido, reclamou unha comparecencia do presidente no Parlamento para explicar o seu modelo e a súa estratexia de negociación, como fan outros presidentes autonómicos.
O secretario xeral do PSdeG defendeu que o autogoberno “é asumir competencias, non inventarse problemas; é resolver problemas e aplicar solucións, non fabricar titulares”. É mellorar a dependencia, a sanidade pública e a vivenda sempre pública, e aproveitar cada euro que pode chegar a Galicia para mellorar as condicións de vida da xente. E concluíu cunha petición: “Non obedeza ao seu partido en Madrid. Defenda os intereses de Galicia e sáquenos desa actitude que nos converte a todos en reféns dunha estratexia partidista que Galicia non quere, non necesita e, sobre todo, non merece”.