Besteiro: “Rueda presenta uns orzamentos regresivos que deixan a Galicia sen vivenda inmediata, sen sanidade digna e sen avances reais en Dependencia”

O portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, acusou ao presidente da Xunta de presentar uns orzamentos “regresivos e decepcionantes” que non responden ás necesidades reais da cidadanía galega. Denuncia a falta de avances en vivenda, sanidade e dependencia e critica que o Goberno galego priorice as rebaixas fiscais aos máis ricos mentres rexeita a condonación da débeda.
Besteiro
21 Oct 2025

O portavoz socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu este luns que os novos Orzamentos da Xunta “confirman que a campaña publicitaria era moito mellor que o contido” e que “o Goberno de Rueda non está a dar resposta ás necesidades reais da cidadanía galega”.

“A verdade é que o único que crece neste país son os demandantes de vivenda, de axuda á dependencia e de atención sanitaria”, afirmou Besteiro, denunciando que “mentres presumen de cifras e anuncios, o que medra é o malestar, a precariedade e a falta de servizos públicos de calidade”.

Rebaixas fiscais e débeda

Besteiro criticou que o Goberno galego manteña as rebaixas fiscais aos máis ricos, o que cualificou como “un déficit de financiamento que se compensa reducindo o Estado do benestar”. Recordou que a Atriga advertiu de que Galicia deixou de ingresar 731 millóns de euros, limitando a capacidade da Xunta para reforzar os servizos públicos.

Tamén advertiu de que a Xunta destinará 1.858 millóns de euros ao pago da débeda, o máximo histórico, cando podería aforrar un terzo dese importe —620 millóns— se aceptase a condonación proposta polo Goberno central. “Pero négase, impedindo dispoñer de recursos para mellorar a vida da xente”, lamentou.

Orzamentos que decrecen

O líder socialista cualificou as contas autonómicas como “un freo ás expectativas da xente que agarda unha Galicia con dereito a unha casa, a servizos sociais eficaces e a unha sanidade pública de calidade”.
Engadiu que o incremento do 2,1% dos orzamentos queda por debaixo do IPC —que pechará no 2,8% ou 2,9%—, o que “significa que, en realidade, os orzamentos decrecen”.

Vivenda: moita propaganda e pouca execución

Besteiro denunciou que “de nada serve destinar recursos á vivenda se non se executan”, lembrando que “ano tras ano a Xunta deixa sen executar máis da metade dos fondos comprometidos”. “De pouco vale anunciar novas promocións cando o orzamento non se materializa”, insistiu.

Preguntouse “que fai unha enfermeira ou un profesor de 35 anos que necesita atopar vivenda?” e lembrou que hai 22.680 demandantes rexistrados, “a única cifra que medra nos últimos anos”.

Sanidade e política social

O voceiro socialista advertiu de que a partida de Sanidade apenas medra en 157 millóns respecto a 2024, “o que significa que pagamos máis aos bancos en débeda que o que destinamos á Atención Primaria”.
En política social, sinalou que só aumenta o gasto en dependencia “grazas ao incremento dos fondos estatais”, mentres baixan as partidas en migración e discapacidade.

Financiamento local

Besteiro criticou tamén que o fondo base con criterios obxectivos se manteña en 118 millóns de euros, mentres os fondos discrecionais “repartidos a dedo” aumentan en 18 millóns.

“Medra o malestar, non o benestar”

O portavoz concluíu que estes Orzamentos “non son só unha decepción política, senón a constatación de que Galicia perde capacidade económica e servizos públicos mentres Rueda se dedica á propaganda”.

⚙ Configurar cookies
0.3519299030304