Besteiro sinala como obxectivo en Bruxelas defender a Galicia “dos recortes que pretende a dereita”

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou hoxe a súa visita a Bruxelas co obxectivo de “reforzar a defensa das particularidades de Galicia no marco financeiro 2028-2034”.
Momentos antes de partir cara á capital europea, Besteiro advertiu de que, neste “momento crítico”, a Comisión Europea, “cunha clara inclinación cara á dereita e vínculos coa ultradereita”, está a planear fortes recortes nos fondos de cohesión, o que supón unha ameaza directa para sectores clave como o agro, a pesca e a industria galega.
“O novo marco financeiro plurianual inclúe a redución da PAC e dos fondos de pesca, pero tamén vai condicionar moito os investimentos industriais”, sinalou o líder socialista, que reclamou que o gasto en seguridade non se canalice só cara ao centro de Europa, senón que tamén España e Galicia saian reforzadas.
Besteiro explicou que un dos obxectivos da viaxe é trasladar á Comisión cal é a posición estratéxica de Galicia en sectores como o naval, “que está vivindo un repunte e non pode quedar á marxe dos investimentos en seguridade e enerxía verde”.
Comprometeuse a defender desde unha visión progresista a Galicia “fronte aos recortes que pretende a dereita que está gobernando a Comisión”, e criticou o uso que a Xunta de Galicia fai dos fondos europeos, que o PSdeG considera “mal xestionados ou executados con lentitude”.
A preguntas dos medios, Besteiro tamén se referiu ao uso excesivo da Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, coñecida como lei de acompañamento dos Orzamentos, por parte do Goberno de Rueda. Recordou que, durante os anos de goberno de Touriño, eliminouse esta figura “para garantir o debate parlamentario das leis”, e cualificou de “burdo argumento” alegar que o Estatuto de Autonomía non permite o uso do decreto-lei.
O líder socialista advertiu que “aproveitar esa lei ómnibus para cambiar 16, 17 ou 18 leis dun xeito inadmisible” xera inestabilidade normativa e prexudica políticas fundamentais como as de vivenda ou enerxía eólica. “O importante é facer as modificacións lexislativas con luz e taquígrafos, e non furtar o debate ao Parlamento”, concluíu.