Besteiro sinala que o discurso de Fin de Ano de Rueda é autocompracente, sen ambición e sen resposta aos problemas da cidadanía

O secretario xeral do PSdeG reprocha ao presidente da Xunta que ignore as listas de espera en sanidade, dependencia e vivenda e que presente un modelo de país que “non está dando resultados”
Besteiro
2 Jan 2026

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, criticou con dureza o discurso institucional de Fin de Ano do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que cualificou de autocompracente, sen ambición política e alleo aos problemas reais da cidadanía galega.

Segundo Besteiro, Rueda pecha o ano cun discurso “cheo de apelacións á calma, ao sentidiño e a unha Galicia que, segundo el, funciona”, pero que pretende dar por bo un modelo de país que non está a dar resultados. Para o líder socialista, o problema non é o ton da mensaxe, senón que evita afrontar as cuestións que máis preocupan á sociedade.

Neste sentido, denunciou que o presidente elude falar das listas de espera que afectan a milleiros de persoas. “Evita explicar por que hai cidadáns que levan meses esperando por unha consulta médica, unha prestación da dependencia ou unha oportunidade para acceder a unha vivenda”, sinalou. Ao seu xuízo, cando un goberno cala sobre as esperas é porque “se converteron no seu principal fracaso”.

Besteiro referiuse tamén á situación da sanidade pública, onde se presume de tecnoloxía e excelencia mentres se silencia a realidade diaria das demoras. “Fálase do sistema, pero non das persoas que agardan. E cando falamos de dereitos, o tempo tamén é un dereito”, subliñou.

No ámbito da dependencia, criticou que practicamente desapareza do discurso presidencial, malia que hai persoas maiores e familias que levan “demasiado tempo” esperando por unha prestación básica. “Invisibilizar o problema non o resolve, só fai que chegue tarde”, advertiu.

En materia de vivenda, Besteiro acusou a Rueda de falar de promesas futuras sen asumir que durante 16 anos o PP non desenvolveu unha política pública de vivenda en Galicia, o que converteu o acceso a unha vivenda digna nun luxo para demasiada xente. “Non se pode construír un proxecto de país sólido abandonando durante anos un dereito básico”, afirmou.

O líder do PSdeG estendeu as críticas á educación pública, á que o discurso fai referencias xenéricas a valores e convivencia, pero sen abordar os problemas reais nin as desigualdades que se están consolidando, e tamén á igualdade, onde a violencia machista aparece, segundo dixo, como unha mención final sen ambición nin compromiso político real.

Besteiro puxo tamén o foco na xestión do territorio e do rural, lembrando que poucas horas antes do discurso o presidente cesaba toda a cúpula da Consellería de Medio Rural tras un verán marcado polos incendios. Un feito que, segundo indicou, “encaixa mal cun relato de éxito e estabilidade” e evidencia un proxecto mal planificado.

Finalmente, advertiu de que Galicia segue sen coller pulo económico e queda por detrás da media, fronte ao que o balance oficial ofrece “autocompracencia e silencio”. “O sentidiño non reduce listas de espera, non garante coidados, non crea vivenda pública nin reactiva a economía”, concluíu, lembrando que Castelao nunca defendeu a resignación, senón o compromiso co país e coa súa xente.

⚙ Configurar cookies
0.29122400283813