Besteiro sitúa vivenda, dependencia e sanidade como o “triángulo do fracaso” do Goberno de Rueda

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situou nas crises da vivenda, da dependencia e da sanidade o “triángulo do fracaso” das políticas do Goberno galego presidido por Alfonso Rueda. Fíxoo durante a defensa das emendas do Grupo Socialista aos Orzamentos da Xunta para 2026, que saíron do Parlamento “igual que entraron, sen melloras, sen correccións e sen escoitar o que ocorre fóra da Cámara”.
Besteiro advertiu de que en Galicia hai máis de 22.600 persoas agardando por unha vivenda pública, unha cifra que aumentou un 26 % nun só ano e que cualificou como “a máis alta da historia”. “Mentres aquí se felicitan, fóra a xente non pode máis, e a Xunta responde con anuncios e maquetas, pero sen casas”, denunciou.
No ámbito da dependencia, cualificou a situación de “igual de sangrante”, cun tempo medio de espera de 349 días para acceder a unha axuda. Segundo lembrou, desde 2017 máis de 7.000 persoas faleceron en Galicia sen recibir unha prestación á que tiñan dereito. “Dúas persoas cada día morren agardando”, subliñou.
En sanidade, Besteiro denunciou que hai máis de 360.000 persoas pendentes dunha cita médica e preto de 50.000 á espera dunha operación, nun contexto de “cada vez menos transparencia e máis propaganda”. Criticou especialmente o rexeitamento do PP á proposta socialista de blindar por lei a atención primaria nun máximo de 48 horas. “Rexeitárono mentres a xente desespera nas listas de espera”, afeou.
O líder socialista tamén acusou ao Goberno galego de non asumir fondos propios en políticas clave como a vivenda pública, que —segundo explicou— se financia maioritariamente con terreos municipais e cartos do Estado. Entre as propostas rexeitadas polo PP citou a creación dun banco público de alugueiro, máis fondos para rehabilitación e un aumento real da construción de vivenda pública.
Besteiro cualificou de “desastre” a política social da Xunta, denunciando recortes ou baixadas en áreas como a atención á dependencia, a discapacidade, as políticas para maiores, a conciliación, os servizos sociais comunitarios ou a loita contra a violencia machista. “O que se aproba non se executa e o que se anuncia non se cumpre”, afirmou.
Tamén criticou a falta de avances en educación, cultura, igualdade, infraestruturas e medio rural, así como que a Xunta dedique arredor do 10 % do seu orzamento ao pago da débeda. “Se a débeda fose unha consellería, sería a terceira con máis orzamento”, sinalou, reclamando aproveitar a condonación ofrecida polo Goberno do Estado.
O portavoz socialista concluíu denunciando a falta de vontade do PP para aceptar propostas da oposición: das 3.606 emendas presentadas polo PSdeG nos últimos tres orzamentos, só se aceptaron oito. “Aceptar emendas non é debilidade, é responsabilidade política”, remarcou.