'Bibopalula’ chega ao Teatro Colón como o primeiro musical infantil en galego de gran formato

Os Xardíns de Méndez Núñez acolleron a presentación oficial de Bibopalula, o novo espectáculo teatral baseado na exitosa serie musical de animación en galego estreada en Xabarin.gal. O musical infantil, pioneiro en Galicia polo seu formato, estrearase o vindeiro sábado 8 de xuño no Teatro Colón da Coruña, antes de iniciar unha xira por diferentes cidades do país.
A proposta, que mestura música en directo, efectos escénicos e unha intensa participación do público familiar, foi presentada nun acto aberto ao público conducido por Xosé A. Touriñán, un dos produtores da obra xunto a Álvaro Pérez Becerra. Participaron tamén a directora do espectáculo, Marta Lado; os creadores da serie, Andrés e Laura Mahía; así como as actrices Graciela Carlos, Sara Ferro, Nerea Rodríguez e Cristina Andrade.
Durante o evento, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, expresou o apoio do Concello da Coruña á iniciativa: “Para o Goberno de Inés Rey é unha honra que a primeira función deste novo e ambicioso espectáculo teña lugar na nosa cidade, o que reforza o noso estatus como gran referente cultural de Galicia”.
Bibopalula estreouse na súa versión animada o pasado novembro e converteuse en poucos días no contido máis visto da plataforma Xabarin.gal da TVG. A súa adaptación teatral marca un fito histórico como o primeiro musical infantil en galego con vocación de xira, producido integramente en Galicia.