Blanco lembra aos concellos e deputacións que pidan as axudas para reparación de danos causados polos temporais

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lembrou hoxe a concellos e deputacións provinciais galegas que dispoñen de prazo ata o 21 de xullo para solicitar axudas de reparación dos danos causados polos temporais de inverno nas infraestruturas e equipamentos locais. Pedro Blanco subliñou que esta convocatoria, que xestiona o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, dispón dun orzamento de 130.995.382,67 euros, que permite atender as previsións de gasto por este tipo de actuacións que remitiron as entidades locais á Delegación.
Pedro Blanco explica que o Consello de Ministros aprobou en febreiro a declaración como zonas afectadas por unha emerxencia de protección civil os territorios afectados por un total de 76 episodios catastróficos, na súa maioría provocados polas sucesivas borrascas que azoutaron a Península entre o 10 de novembro de 2025 e o 9 de febreiro de 2026. Neste listado atópase todo o territorio de Galicia afectado polas chuvias ocorridas entre novembro e xaneiro.
Tras esta declaración, desde a Delegación e Subdelegacións do Goberno contactouse coas entidades locais para recompilar información sobre os danos causados polas choivas en equipamentos e vías da súa titularidade e o coste da súa reparación. Con estes informes, detalla Pedro Blanco, a Delegación do Goberno en Galicia elaborou unha proposta económica para incorporar ás necesidades do conxunto das Comunidades Autónomas e que o Ministerio tivo en conta para dotar economicamente esta convocatoria de subvencións.
O delegado avanza que os concellos e deputación poden recibir unha subvención de ata o 50% do custo total. Financiaranse exclusivamente as obras de reparación ou restitución das infraestruturas, equipamentos ou instalacións afectados polos danos ocasionados polo episodio.
Serán subvencionables os gastos do contrato de obras de reparación que se realizaran con posterioridade á data do feito catastrófico. Tamén serán subvencionables os gastos de dirección de obra e os gastos por coordinación en materia de seguridade e saúde durante a execución da obra, se foron contratados especificamente para a obra obxecto de subvención.
A convocatoria foi publicada no BOE do 23 de xuño e o prazo de aceptación de solicitudes permanecerá aberto ata o 21 xullo de 2026. A tramitación realizarase por vía electrónica na sede do Ministerio.