BNG acusa a Rueda de inflar en 1.500 millóns o custo do rescate da AP-9 para favorecer a Audasa

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou este martes ao Goberno de Alfonso Rueda de “inflar” en preto de 1.500 millóns de euros o custo do rescate da AP-9 para favorecer á concesionaria Audasa. A nacionalista defende que, tras a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que declarou ilegal a prórroga da concesión ata 2048, a infraestrutura debe ser transferida “de inmediato” para facela “galega e libre de peaxes”.
Rodil lembrou que o informe elaborado en 2024 por técnicos da Universidade da Coruña, encargado polo BNG, cifra en 904 millóns de euros o valor real do rescate, moi por debaixo dos 2.356 millóns que, segundo afirma, “pretende pagar o PP”. Engadiu que, ao tratarse dun contrato ilegal, Audasa non ten dereito a indemnización por lucro cesante, segundo sentenza do Tribunal Supremo de 2022.
A deputada salientou que o rescate sería máis barato para as arcas públicas que seguir asumindo as bonificacións da autoestrada ata 2048, que ascenderían a máis de 2.800 millóns de euros. Por iso insta ao Goberno galego a “deixar de facer informes a medida da concesionaria” e ao Executivo estatal a cumprir co compromiso de transferir a xestión da AP-9 a Galicia.