BNG alerta da inviabilidade da concesión de auga a Altri polo baixo nivel de Portodemouros e a seca

Luís Bará advirte que a autorización de Augas de Galicia para a macrocelulosa na Ulloa suporía un atentado aos intereses do país e denuncia unha “operación de borrado de probas” na Sociedade Impulsa.
Luis Bara
12 Aug 2025

O viceportavoz do BNG e deputado responsable de Medio Ambiente, Luís Bará, advertiu que a concesión de Augas de Galicia á que aspira Altri para instalar a súa macrocelulosa na Ulloa é “inviable e incompatible” coa normativa vixente, o estado do encoro de Portodemouros e o río Ulla. A empresa prevé captar 46 millóns de litros e verter 30 millóns ao día durante 75 anos.

Bará subliñou que, segundo datos recentes, o encoro está ao 39 % da súa capacidade, fronte ao 52 % do ano pasado e ao 71 % da media da última década. Xunto á seca e á redución de precipitacións, sinalou o incremento do turbinado de Naturgy como unha das causas do baixo nivel de auga.

O nacionalista lembrou que o Plan Hidrolóxico Galiza Costa establece que o abastecemento á poboación é prioritario, seguido de usos para a transición xusta, ambientais, agropecuarios e, en último lugar, industriais como o que pretende Altri. Criticou que a Xunta do PP estea a “facer un traxe a medida” para a empresa, amparándose nun acordo secreto asinado en 2021 a través da Sociedade Impulsa, cuxo contido se nega a facer público.

O BNG considera que a disolución desta sociedade confirma a existencia dun documento con condicións pactadas que condiciona a actuación do Goberno galego. Bará denunciou semellanzas co “método Montoro”, consistente en cambiar leis e cesar cargos para favorecer intereses privados, lembrando o cese do director xeral de Calidade Ambiental en 2024 e novos nomeamentos en Augas de Galicia.

O deputado avanzou que reclamarán toda a documentación da Sociedade Impulsa relacionada con Altri e a creación dunha copia de seguridade, advertindo dunha posible destrución de probas mediante “trituradoras de papel e borrado de discos duros” para ocultar actuacións irregulares.

⚙ Configurar cookies
0.23756289482117